Novas recentes

Un galego perfecto

Por máis que cursaran a materia de lingua galega durante 10 anos e recibiran nalgúns casos parte do ensino na nosa lingua, poucos estudantes se senten seguros ao cento por cento á hora de utilizaren o galego. Para afianzar os seus coñecementos, puír aqueles aspectos en que adoitan fallar máis ou darlles a coñecer outros novos; en suma, para perfeccionaren o seu galego dispoñen dun obradoiro que lles fornecerá  «30 receitas rápidas» en só 20 horas presenciais, do 14 de marzo ao 4 de abril de 2011.

O obradoiro «Un galego perfecto en 30 horas» pretende perfeccionar a competencia lingüística e comunicativa oral e escrita en galego, partindo do dominio da variedade estándar que xa posúen os estudantes da USC que proceden do sistema galego de ensino e utilizando unha metodoloxía eminentemente práctica.

Máis concretamente, os seus obxectivos son:

  • Perfeccionar a competencia lingüística e a competencia comunicativa en galego.
  • Coñecer, comprender e utilizar con corrección aqueles aspectos máis esquecidos ou problemáticos do estándar do galego (fonéticos,gramaticais, léxico-semánticos), tanto no nivel oral como no escrito.
  • Aprender a producir textos orais e escritos do nivel estándar que permitan satisfacer as necesidades comunicativas propias deste nivel.

O prazo de matrícula comezou o 22 de febreiro e péchase o 10 de marzo de 2011. O obradoiro conta con 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición e é de balde. Para inscribirse, na Secretaría Virtual, cómpre acceder a través do web da actividade.

As clases comezarán o 14 de marzo e desenvolveranse os luns, mércores e xoves en horario de 9:00 a 11:00 na Aula seminario de Economía (2º andar da Facultade de Dereito) ata o 4 de abril.

Está solicitado o recoñecemento de 1 crédito de libre elección. Ademais, a USC emitiralles un diploma de asistencia á actividade, no cal figurará o número de horas correspondentes (30 horas), a todas aquelas persoas que participen no Obradoiro e acrediten un 80% de asistencia sobre as horas de clase. Haberá control de asistencia en todas as sesións.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 28 de febreiro de 2011