Novas recentes

Achegándonos ao medio rural II: Lingua, muller e dinámica social

Cando se fan 80 anos do sufraxio feminino no Estado español, atendendo á orientación formativa do Campus de Lugo cara ao medio rural, as comisións de normalización lingüística das facultades de Humanidades e Veterinaria e das escolas de Formación de Profesorado e Politécnica Superior,  propoñe como temática para a reflexión o trinomio lingua, muller e medio rural, un trinomio á busca de igualdade, promoción e desenvolvemento. Os obxectivos destas segundas xornadas  "Achegándonos ao medio rural II: Lingua, muller e dinámica social" son:

  • Dar a coñecer o papel das mulleres na transmisión de recursos lingüísticos acordes coas necesidades contextuais de Galicia.
  • Definir estratexias e criterios para o desenvolvemento profesional das mulleres no medio rural.
  • Poñer de manifesto a permeabilidade das dinámicas entre o rural e o urbano e entre o local e o global en relación coa función social das mulleres.
  • Difundir experiencias profesionais de mulleres, centradas na utilización da lingua galega.
  • Achegar a realidade das mulleres que traballan e viven no medio rural á comunidade universitaria e ao público en xeral.


Cinco seráns, cinco centros

A profesora da Universidade da Coruña Goretti Sanmartín Rei enceta o mércores 16 de marzo na Vicerreitoría do Campus de Lugo a programación destas xornadas, cunha conferencia sobre  O papel das mulleres nas dinámicas de substitución ou de mantemento da lingua. As xornadas continuarán cunha serie de táboas redondas que terán lugar o mércores 23 de marzo en Veterinaria ( Mulleres apostando polo medio rural), o mércores 30 na EPS (Mulleres para un mundo rural vivo), o mércores 6 de abril (Educación, lingua e muller no rural galego actual: experiencias) e o xoves 14 de abril en Humanidades (Vivir no lugar: lingua, xénero e poder), nas cales participarán mulleres que apostaron polo rural en temáticas relacionadas cos centros e coa difusión dos usos lingüísticos.

Matrícula e diplomas

Aínda que as xornadas están especialmente dirixidas aos estudantes das facultades de Veterinaria, Humanidades, Escola de Formación de Profesorado e EPS, están abertas a cantos interesados ou interesadas se queiran achegar. Emitiraselles un diploma de asistencias a todos os estudantes que se matriculen na actividade (que é de balde) a través do web e asistan con regularidade ás sesións. Hai 150 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, para o cal existe un prazo do 1 ao 14 de marzo.

Ademais das anteditas comisións de normalización, cóntase co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística e a colaboración da Deputación de Lugo (Vicepresidencia Primeira) e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 28 de febreiro de 2011