Novas recentes

Vive en galego: Windows 7 e Office 2010 na nosa lingua

Os usuarios e usuarias das últimas versións de Windows 7 e do Office 2010 poden desde agora utilizárenas en galego, de forma sinxela e gratuíta, dispoñendo dunha interface na nosa lingua e do servizo de corrección automática ao escribir no noso idioma, grazas á colaboración institucional da Xunta de Galicia con Microsoft.  Para isto abonda con acceder ao web da Secretaría Xeral de Política Lingüística  «Vive en galego» e descargar e executar os parches correspondentes no teu ordenador. 

Amplíase logo unha vez máis a colaboración con este xigante da informática para que os seus produtos estrela incorporen o galego, como xa sucedeu con anterioridade con Windows XP, Windows Vista ou Office 2003. Estas ferramentas incorpóranse ao amplo conxunto de recursos tecnolóxicos en lingua galega de software libre, redes sociais, blogs, correctores e tradutores, telefonía móbil, xestores de contido ou buscadores en lingua galega aos que se pode acceder a través do web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Lembramos que ademais de software privativo en galego, existe unha ampla oferta de software libre na nosa lingua, como os sistemas operativos Ubuntu e Galinux, os navegadores Chromium e Firefox 3, a suite de escritorio OpenOffice, o xestor de correo Thunderbird ou o programa de tratamento de imaxes Gimp, grazas ao traballo de localización da comunidade de tradución de software libre ao galego verteu ao galego.

Os obxectivos transversais do Plan xeral de normalización da lingua galega outórganlle unha gran relevancia á incorporación do idioma ás novas tecnoloxías, e concretamente obxectivos fundamentais son lograr unha oferta ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos en galego e potenciar a presenza da lingua galega en Internet.

 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 25 de febreiro de 2011