Novas recentes

Galego, 30; castelán, 66

Tal sería o titular redondo para ilustrar como se reparte o uso dos idiomas na docencia da USC, aínda que cómpre engadir os datos referidos a outros idiomas. Curiosamente, o galego utilízase por orde crecente nas titulacións de 1º e 2º ciclo, nos graos e nos mestrados. Séntalle ben o EEES ao noso idioma?

No conxunto da docencia da USC neste curso 2010-2011, o galego vehicula case o 30%, o castelán algo máis do 66%, o inglés o 1,95% e as restantes linguas non chegan ao 2%. Tales datos despréndense da información sobre as planificacións docentes consignada polos departamentos en XesCampus, a aplicación de xestión académica da USC, e referidos a horas de clase.

Son, curiosamente, os mestrados o tipo de titulacións en que o uso das linguas resulta menos monótono (vid. Gráfica 5): en galego impártase o 36,26% e o inglés chega neste tipo de titulacións ao 2,80%; o castelán vehicula o 59,71% das horas docentes. A utilización do galego nas titulacións adaptadas ao EEES, os graos, é algo menor, un 32,24%, e baixa ata un 21,35% no caso das vellas licenciaturas e diplomaturas. O mesmo ocorre co inglés, lingua na que discorre a docencia do 1,92% dos graos e do 1,33% das titulacións de 1º e 2º ciclo (vid. Gráfica 6).

Graos e titulacións de 1º e 2º ciclo

Se cadra a menor dispersión das materias nos graos, así como a oportunidade que representa para moitos docentes o cambio a un novo plan de estudos, podería explicar este maior índice de uso doutros idiomas nas titulacións adaptadas ás directrices de Bolonia. Así, na maioría dos graos que botaron a andar neste curso utilízase máis o galego que na titulación vella paralela que aínda se mantén:

  • Licenciatura en Medicina (2,88%) e grao en Medicina (6,03%)
  • Lic. en Farmacia (11,01%) e grao en Farmacia (15,04%)
  • Lic. en Dereito (11,94%) e grao en Dereito (22,44%)
  • Lic. en Química (21,44%)  e grao en Química (26,54%))
  • Diplomatura en Relacións Laborais (13,51%) e grao en RR.LL. (23,42%)
  • Enxeñaría Técnica Informática (17,65%) e grao en Enxeñaría Informática (26,74%)
  • Diplomatura en Traballo Social (45%) e grao en Traballo Social (57,84%)

Tamén hai exemplos que contradín esta tendencia: Enfermaría de Lugo non utiliza o galego en absoluto nin na diplomatura nin no grao; Odontoloxía presenta un pírrico 1,22% na licenciatura e un rotundo 0% na adaptación ao Espazo Europeo; o 31,99% das horas da licenciatura de Veterinaria impártense en galego e un 11,28%, no grao.

Das 111 titulacións de grao ou 1º e 2º ciclo que se están a impartir actualmente na USC, 11 ignoran totalmente o uso do galego; entre elas, cinco relacionadas con idiomas; as restantes, relacionadas con Ciencias da Saúde. Outras tantas non chegan ao 10%, mesmo sendo estudos cun grande impacto polo número de matriculados, como Medicina.

Ata un 25% de galego nas horas docentes presentan 32 titulacións de todas as áreas de coñecemento, tales como Farmacia, Dereito, Historia da Arte, Psicoloxía, Física, Políticas,  Enxeñaría Química...

Outras 27 titulacións imparten entre o 25 e 50% da súa docencia en galego, dende o grao en Filoloxía Clásica ata a Enxeñaría de Montes.

As titulacións que superan o 50% de horas docentes en galego son 31, entre elas clásicos como Filosofía, Xeografía, Historia, a maioría das titulacións de mestre/a, Pedagoxía, Educación Social, Comunicación Audiovisual, Xornalismo e Filoloxía Galega, e tamén novas entradas como Enxeñaría en Xeomática e Topografía.

O uso doutras linguas non oficiais na USC é anecdótico, sacadas as titulacións de  Filoloxía, de Humanidades e as de mestre/a. Nos restantes casos, asóciase en xeral a materias de idioma estranxeiro técnico e, en menos ocasións, a materias optativas impartidas neles.

Mestrados

Dos 66 programas oficiais de posgrao que se están a impartir no curso 2010-2011, 15 empregan o galego en máis da metade das súas horas de clases e só 8 non o utilizan en absoluto. Con todo, a media de uso do 36% é máis alta da docencia da USC.

Aínda que a priori son os mestrados as titulacións que teoricamente mellor se adaptan á introdución do inglés -e tamén doutras linguas-, especialmente os de perfil investigador, o certo é que son de novo fabas contadas (Biotecnoloxía, Dirección de empresas, Investigación Agraria e Forestal) os mestrados que contan con materias impartidas en inglés e que non están dalgún xeito relacionados coas linguas; escasos son tamén os que ofertan a materia de inglés técnico (Industria e Economía Leiteira).
 

Luns, 31 de xaneiro de 2011