Novas recentes

Entramos nunha fase de estabilización

A positiva evolución do uso do galego na docencia da USC, logo do importante salto do curso pasado, semella estabilizarse ao tempo que se vai transformando a totalidade dos títulos para adaptarse ao EEES. A medra do galego reflíctese nos datos xerais, por titulacións e por departamentos.

Se atendemos á evolución do datos xerais de uso das linguas, o primeiro resultado que cómpre salientar é a moderada estabilización con respecto ao curso pasado, cando a irrupción dos graos  empoleirou o uso do galego ata unha media do 27,50% nas titulacións de grao e 1º e 2º ciclo, nun importante salto de máis de 7 puntos. Neste curso o dato comparable é de 26,79%, unha pequena baixa na utilización da nosa lingua que ten moito que ver coa incorporación de novos graos, que presentan unha menor dispersión de materias e que son resultado da transformación de licenciaturas e diplomaturas tradicionalmente galegófobas.

Pola súa banda, o castelán, que se reducira o curso pasado algo máis de 7 puntos, rectifica levemente o perfil da súa curva descendente. Os restantes idiomas, sacados os datos dos dous primeiros cursos, amosan pequenas variantes nun intervalo de só 4 puntos.

Resulta rechamante, porén, a espectacular variación de 11 puntos que se produciu nos estudos de posgrao: se a media do curso pasado foi de 25,25%, a actual é do 36,36%. O castelán reduce a súa presenza do 70,51% ata o 59,71%, polo que o uso doutros idiomas presenta poucas variacións.

Probablemente o vindeiro curso asistiremos a un pequeno novo reaxuste, e malia un moderado descenso no uso do galego, poderemos entrar nunha fase de estabilización, unha vez que as diplomaturas e licenciaturas se vaian extinguindo e se vaian afortalando os graos. En calquera caso, semella que o galego foi paulatinamente ocupando máis espazo na docencia da USC e que esa tendencia non vai sufrir un gran pau coa transformación definitiva do mapa de titulacións. Máis incerto resulta o panorama no caso dos mestrados, pois a existencia de datos só nos dous últimos cursos dificulta a análise, aínda sendo boas as perspectivas.

Por outra banda, os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns picos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias.

Por titulacións, albíscase unha situación –loxicamente- bastante estable, con pequenas variacións. En xeral as titulacións que máis docencia en galego ofrecen, tenden a aumentar levemente, tanto en número de titulacións como en porcentaxes de horas de clase na nosa lingua. A utilización das cores no documento permite percibir doadamente as mudanzas, en xeral congruentes e comprensibles (por organización da docencia, por cambios de profesorado, por cambios de criterio...), aínda que algúns resulten rechamantes.

Finalmente, por departamentos tamén se reflicte a maior galeguización da docencia. Percíbese, por unha banda, a progresiva diminución ao longo destes oito últimos cursos dos departamentos con absoluta –ou case- falta de docencia en galego; así, por exemplo, dos 19 departamentos que ignoraban totalmente o noso idioma nas aulas, pasamos agora a só 7.  Por outra, o aumento dos departamentos que imparten máis da metade das súas horas docentes en galego: de 12 a 18. Prodúcense oscilacións, maioritariamente na «zona central», é dicir, entre os departamentos que imparten entre o 10 e o 50% da docencia en galego. En xeral unha vez superada a media de uso da USC, o uso do galego tende a aumentar (canto máis galego, máis galego), e no tramo anterior é máis estable, malia os pequenos picos.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 31 de xaneiro de 2011