Novas recentes

Linguas, departamentos e categorías do profesorado

O uso das linguas na docencia depende da decisión e da vontade dos profesores/as. Dous factores se relacionan directamente con este feito: o mundo de relacións que ás veces se establecen nos departamentos e a idade, que á súa vez ten moito que ver coas categorías.

Ao debullarmos os datos por departamentos deste curso 2010-2011 comporobamos que xa só sete sobrancean por non impartiren nin unha soa hora docente en lingua galega. Agás o caso explicable de Filoloxía Inglesa e Alemá, o resto son departamentos de Ciencias da Saúde (Cirurxía, Pediatría, Estomatoloxía, Xenética) e de Ciencias (Zooloxía e Fisioloxía Vexetal), xa verdeiros clásicos, pero que teñen un grande impacto polo número de estudantes a que afecta esta disfunción.

Hai representantes de todas as áreas (Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Ensinanzas Técnicas e Humanidades) nos tres tramos seguintes: ata o 10% de docencia en galego (23 departamentos), entre o 10 e o 25% (14 departamentos), e entre o 25 e o 50% (14 departamentos). Porén entre os 18 departamentos que imparten máis da metade das súas horas docentes en galego o perfil predominante é o de Humanidades e Ciencias Sociais, agás Química Inorgánica, Produción Vexetal e Ciencias Clínicas Veterinarias. Lidera o ensino na nosa lingua Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, co 97,64%.

Pola súa banda, os profesores/as titulares de universidade -a categoría maioritaria na USC (o 45%)- imparten en galego o 26,45% da docencia que lles corresponde. A seguinte categoría por número de efectivos é o conxunto de tipoloxías de profesorado asociados, que imparte en galego unha media do 47,75%. Os catedráticos universitarios rebaixan esa media ata o 25,33%, que volve elevarse co persoal contratado doutor (41,94%) e sobre todo cos catedráticos de escola, ata o 52,92%. O uso da lingua do país entre o restante PDI e o profesorado en formación, cun número moito máis reducido, pero fundamental para o futuro do galego na docencia, vai dende o 0 ao 100%.

Máis información no web do Servizo de Normalización Lingüística.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 31 de xaneiro de 2011