Novas recentes

O software libre segue a darlle alegrías ao galego

Nos últimos anos as aplicacións de software libre están acadando un grande protagonismo entre moitos dos usuarios habituais de Internet e da informática en xeral. Algunhas institucións públicas, como a nosa Universidade, veñen mostrando un apoio crecente ás aplicacións de código aberto, non só polo feito do aforro que supoñen en lincenzas, senón por seren ferramentas colaborativas enormemente prácticas e adaptables ás necesidades dos usuarios. Deste xeito, pódense mellorar e adaptar os programas aos diferentes contextos e usos que se lles queira dar, e tamén ás diversas linguas. Eses procesos de adaptación chámanse localización.


Nos últimos meses a comunidade galega de localización de software libre avanzou de xeito notable nos seus traballos. Así, no mes de outubro anunciou a localización do 100% de Ubuntu 10.10, que conta ademais cunha gran calidade da tradución grazas á énfase que nos últimos tempos está poñendo o equipo de localización. Un verdadeiro fito na historia da localización de SL ao galego.


Deste xeito, o popular sistema operativo libre Ubuntu, baseado en GNU/Linux, conta cunha localización completa para o galego. Lembremos que grazas á Oficina de Software Libre da USC, podemos instalar nos nosos ordenadores Ubuntu-USC, unha aplicación de Ubuntu adaptada á nosa universidade e na nosa lingua.

Como complemento, o pasado mes de decembro a Oficina de Software libre da USC anunciou a publicación en galego do manual Comezar con Ubuntu 10.04, unha guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu elaborada de xeito colaborativo. A guía consta de máis de 160 páxinas e está dispoñible na Rede para ser descargada por quen quixer.  Este manual ten un grande carácter didáctico. Alén de explicar doadamente o funcionamento básico do Ubuntu incorpora numerosas capturas de campaña para termos como referencia e non nos perder en ningún momento. Ademais, ao manual engadíuselle un capítulo dedicado á resolución de problemas habituais neste tipo de aplicacións.

Por outra banda, en só 10 días os voluntarios/as do Proxecto Trasno foron quen de rematar a tradución ao galego do navegador Chromium e o sistema operativo ChromeOS, os proxectos de código aberto que sustentan o navegador e o sistema operativo Chrome de Google respectivamente. Este esforzo fixo que mesmo fosen felicitados publicamente polos responsables do proxecto por seren uns dos primeiros idiomas en ter traducidos ao 100% todos os ficheiros, xunto co chinés e o euskara, aínda que o galego partía en situación de desvantaxe fronte a outros idiomas, xa que a maioría (dos actualmente rexistrados) xa tiñan o navegador traducido, co que só lles restaba traducir o 40,25% do total.

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) realizou unha análise sobre os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas 2009/2010. Segundo as súas conclusións, Galicia segue a adiantar ao resto do Estado na adopción de software libre. Os datos mostran que un 11% das empresas galegas de máis de 10 asalariados emprega o sistema operativo LINUX, fronte ao 9,5% da media estatal. Este indicador experimentou un crecemento interanual en Galicia do 8,9% mentres que o incremento do conxunto do Estado foi do 6,7%.



 

MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

Luns, 31 de xaneiro de 2011