Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
As leis, en galego
Un dos grandes obstáculos que teñen que enfrontar os profesionais do dereito que queren exercer total ou parcialmente en galego é o descoñecemento da terminoloxía propia do dereito no noso idioma. Neste ámbito tan castelanizado estudantes e profesionais deben realizar un meirande esforzo por atopar o vocabulario específico e a lexislación básica en galego para estudaren e exerceren correctamente na nosa lingua. Para facilitar a utilización do galego neste campo, a Facultade de Dereito, ao abeiro da campaña «Témoslle lei», puxo ao dispor do alumnado un cd-rom coa lexislación básica que estudan durante a titulación en idioma galego, así como lexislación lingüística e un bo feixe de recursos para garantir e facilitar un uso correcto do galego.
O cd proporciona en galego a lexislación dos diferentes ámbitos: o dereito constitucional, penal e procesual, civil, tributario e financeiro, laboral, administrativo, mercantil, así como comunitario e internacional. Tratouse de achegar as versións galegas do Código Penal, da Lei concursal, da Lei de protección de datos persoais ou da Lei de contratos do sector público, ao alumnado e ao profesorado do centro en versión dixital para favorecer o seu uso, aínda que moitas delas existen dende que en 1998 naceron os suplementos galegos do BOE ou grazas á edición en papel por parte deste mesmo organismo, que facilitou desinteresadamente as súas versións dixitais para esta campaña.
Toda esta lexislación pode tamén consultarse no web de «Témoslle lei», no cal se procurará ir actualizando contidos. De todos os xeitos, todo o mundo do dereito é consciente de que o meirande reto é contar con versións consolidadas das leis, tal e como fan en diversas bases de datos xurídicas. Igualmente neste web se pode visualizar o vídeo realizado para a campaña, en que diversos profesionais do Dereito opinan a prol dunha maior utilización do galego neste ámbito: Carlos Varela, Evaristo Nogueira, Luís Villares, Paz Filgueira, Xaquín Monteagudo, Antonia Nieto e José Antonio Gómez Segade.
Ademais, o cd-rom achega ao alumnado de Dereito as diferentes leis que a nivel internacional, estatal ou autonómico regulan a cuestión idiomática en Galicia, dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 ou a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos de 1996 até a Lei de Normalización Lingüística de Galicia de 1983 ou os diferentes decretos que establecen a toponimia do noso país.
Finalmente, para favorecer o uso do galego, incorpora unha relación de recursos lingüísticos na Rede: dende sistemas operativos, como Galinux, paquetes ofimáticos e outras aplicacións informáticas no noso idioma, como correctores e tradutores automáticos, ata dicionarios xerais e outros recursos específicos para o Dereito: glosarios de termos xurídicos, formularios procesuais e notariais, regulamentos, etc.
MIGUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ
Mércores, 01 de decembro de 2010