Novas recentes

«Contar con materiais didácticos en galego favorece o uso polo alumnado»

Belén Trigo é profesora do Departamento de Dereito Común na USC, na Área de Dereito Civil. Hai catro anos comezou a impartir parte das súas aulas en galego e a crear novos materiais para apoiar a súa docencia na materia de Dereito Civil de Galicia, como unha unidade didáctica sobre "O contrato de vitalicio" ou o seu caderno de casos prácticos "Perspectiva práctica do dereito sucesorio galego". Ademais, interésalle a avaliación do seu alumnado e por este motivo pasoulles unha enquisa sobre diversos aspectos do seu labor docente, entre eles, a utilización da lingua galega.

 

Son certos os contos sobre o trato da nosa lingua na Facultade de Dereito?
Hai de todo. Hai profesores que levan moitos anos impartindo docencia en galego (incluso xa me deron a min) total ou parcialmente. É máis: varias das publicacións galegas sobre dereitos lingüísticos son obra de compañeiros e compañeiras da Facultade. Tamén cómpre sinalar, e falo pola miña experiencia, que custa vencer a inercia e impartir as clases en galego, entre outras cousas porque non temos materiais de partida: a maioría dos textos lexislativos e manuais están en castelán. Por iso resulta complicado, porque, ademais da vencer a preguiza, tes que facer adaptación da linguaxe xurídica, que é moi técnica (aínda que para estes traballos contamos con toda a axuda do SNL), e non tes materiais para traballares ti nin para darlles aos alumnos.

Hai, logo, un pouco de mito?
Hai, hai, e, de feito, nos últimos anos estase a incrementar o índice de uso do galego na docencia, e estamos por riba duns cantos centros.

E como reacciona o alumnado ás clases en galego?
Eu fun das que sentía esa certa preguiza. Agora xa levo varios anos impartindo a materia de Dereito Civil de Galicia e aí si que me decidín, porque me parecía evidente que había que dala na nosa lingua: tiñamos lexislación e algunha xurisprudencia en galego e pagaba a pena. E a experiencia está sendo moi ben valorada polos estudantes. O que si é curioso que hai alumnos galegofalantes que cren que esta opción lingüística pode ser un problema para os estudantes que veñen de fóra. Porén os alumnos de intercambio —Erasmus ou SICUE—  din que lles custa un pouquiño os primeiros días e que despois non teñen maior dificultade; lembro, mesmo, unha alumna italiana que acabou facendo o exame en galego. Chámame moito a atención que os propios galegofalantes poñamos a venda antes da ferida.

Na enquisa de avaliación de diversos aspectos da docencia que imparte, os seus alumnos amosaron unha preferencia pola utilización da lingua galega.
A enquisa fíxenlla un grupo pequeno, non podemos dicir que sexa unha mostra significativa; en todo caso, só o 16% prefería as clases exclusivamente en castelán e optaban polo galego un 21%, mentres que a cuestión lle resultaba indiferente a un 37%. Finalmente, e dun xeito máis concreto, claramente decantábase polo Dereito Civil de Galicia na nosa lingua un 26%.

Daquela hai unha maioría que prefire a súa materia ou calquera outra de Dereito en galego.
A interpretación da estatística sempre é un pouco máis complexa que soltar os números sen máis. Pero creo que reflicte claramente que non hai problemas de aceptación do noso idioma, e que, en todo caso, existe unha certa preferencia polo galego, cando menos na materia de Dereito Civil de Galicia.

Cre que neste resultado inflúe o traballo con novas tecnoloxías ou con materiais de apoio á docencia en galego?
A existencia de materiais como textos, cadernos de prácticas, manuais ou unidades didácticas paréceme fundamental. Se un está habituado a traballar, a estudar, a utilizar e a ver a terminoloxía nun determinado idioma, esa é a que vai empregar en primeiro lugar, sexa castelán, galego ou inglés. Daquela, contar con medios, con materiais e con documentación en galego facilita moitísimo a aprendizaxe e o uso dese idioma. A utilización das novas tecnoloxías (presentacións dixitais, aula virtual, blogues, etc.) supoño que proporcionan unha imaxe de normalidade para o galego.

E como valora os obradoiros que a USC está organizando para aumentar e mellorar os materiais didácticos, incentivando o uso do galego?
Eu levo asistido a varios: os de expresión oral en galego, webs docentes, unidades didácticas e presentacións dixitais e comunicación. Tecnicamente axudáronme moito, pero sobre todo destacaría a sensación de confianza que che suscitan: saber que hai recursos, que podes contar con axuda para as dúbidas terminolóxicas ou lingüísticas. Tamén valoro o feito de compartir experiencias con profesores e profesoras doutras materias e doutros centros, así como a relación que queda co persoal do SNL, co que sabes que sempre podes contar para solucionar unha dúbida ou un atranco.

Da súa participación no «Obradoiro de elaboración de unidades didácticas» xurdiu O contrato de vitalicio. Tema 2. IV parte. Vai animarse a facer outra?
Esa unidade didáctica fíxena para a materia de Dereito Civil de Galicia e levo empregándoa todos estes anos. De feito, na enquisa pregunteilles aos estudantes como valoraban o uso da unidade didáctica e a resposta foi bastante favorable, pois un 58% concretaba que era unha boa idea, a un 21% parecíalle ben e só un 11% prefería seguir usando os apuntamentos.
Claro que estou animada a continuar co proxecto; de feito ando niso e teño pensado publicar varias unidades didácticas para Dereito Civil de Galicia neste curso.

Cal cre que debe ser a estratexia para aumentar o uso do galego na Facultade?
Creo que o fundamental é a colaboración. O pasado curso aprobamos en Dereito un plan de normalización lingüística que é bastante ambicioso, está ben pensado, e modificouse para aprobalo pola Facultade. A Comisión de Normalización Lingüística do centro e o equipo decanal estanse esforzando moito para comezar a implementalo. Cómpre aproveitar o que xa existe, profesores impartindo aulas desde sempre en galego, materiais didácticos que haxa, e a partir de aí seguir aumentando esta oferta.

Vostede impartía as clases en castelán e lanzouse a dar a materia de Dereito Civil de Galicia na nosa lingua. Que pode animar a outros compañeiros seus a incorporaren o noso idioma?
Eu imparto outras materias e fágoo en castelán polo problema de que falei antes: a falta de materiais e de lexislación en galego, etc. Creo que cómpre incentivar o traballo engadido que supón a busca, adaptación ou elaboración de materiais para os alumnos. O mellor sería que existise un recoñecemento dese esforzo.

Por exemplo?
Parece que non estamos na USC para que nos aumenten o soldo (risos). Pero estaría ben algún tipo de recoñecemento como a redución da carga docente, para poder adicar un pouco máis de tempo á adaptación dos materiais ao galego ou a creación doutros novos.

Como valora a situación da lingua galega no mundo xurídico?
Na Administración de Xustiza o nivel de utilización do galego é bastante baixo. É unha opción persoal dos xuíces e maxistrados; algúns están empregando a lingua galega para a redacción de sentenzas pero polo de agora son unha minoría. No campo privado, como a avogacía ou a notaría, a utilización tamén é moi baixa.

Como cre que se podería mellorar a situación?
En principio é unha opción persoal e libre, polo que hai que favorecer e incentivar o seu uso. Unha maior valoración social do galego facilitaría as cousas.

Que papel lle corresponde a Facultade? É de aquí de onde saen os futuros profesionais...
Se os docentes conseguimos transmitirlles aos alumnos e alumnas que coñecer a linguaxe xurídica galega lles é un valor engadido, hanse interesar por coñecela, aprendela e usala. Se a utilización do galego nas clases fose maior, na súa vida profesional tamén lles será máis doado incorporalo. Está claro que temos un papel clave a medio e longo prazo na normalización do galego no mundo do Dereito.

DUARTE ROMERO VARELA

Venres, 29 de outubro de 2010