Novas recentes

Como se redacta un traballo académico (ou de investigación)?

As referencias bibliográficas, van en cursiva ou entre comiñas? Debo facer un índice? É eficaz un corrector automático? Cantos tipos de letra podo utilizar nun traballo? Ven aos «Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación», resolve as túas dúbidas e mellora os teus traballos.

 

Redactar con corrección e sen erros nin faltas, estruturar ben os contidos e presentalos con coherencia, incluír citas e elaborar bibliografías, automatizar índices, empregar os correctores, inserir táboas ou imaxes, etc., son destrezas comunicativas que se dan maioritariamente por sabidas nas aulas. Porén, tanto docentes como  estudantes son conscientes das eivas neste terreo entre o alumnado, particularmente co maior número de traballos académicos que se realizan nos graos. Xa que logo, os «Cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación», que poñen en relación elementos lingüísticos, comunicacionais e informáticos na procura da mellor calidade formal, veñen cubrir unha importante lagoa.

Desenvolverase un total de cinco cursos: na Facultade de ADE (Lugo) de 13 a 15 h entre o 17 de novembro e o 1 de decembro; en Dereito (de 9 a 11 h),  Psicoloxía (de 12 a 14) e de Filosofía (de 19 a 21 h), entre o 15 e o 29 de novembro de 2010. En total, 30 horas de curso que dan dereito a un crédito de libre configuración para todas as titulacións. Comprende oito sesións presenciais, con uso dun equipo informático con conexión a Internet por persoa, e 8 horas de traballo individual, que consistirán na elaboración dun pequeno traballo (mesmo un en desenvolvemento polo estudante), en que se poñerán en práctica as cuestións tratadas. O curso remata con tres sesións presenciais de avaliación conxunta dos traballos.

O prazo de matrícula estará aberto dende o 23 de outubro ata o 10 de novembro a través da web.

O prezo dos cursos é de 30 €. Esta cantidade será reembolsada se o estudante realiza en lingua galega algún dos traballos contemplados na convocatoria.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de outubro de 2010