Novas recentes

II Xornadas «Educación e linguas en Galicia»

Logo do éxito das primeiras Xornadas «Educación e linguas en Galicia», a Facultade de Ciencias da Educación organiza a súa segunda edición, dedicadas á planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios, os días 26 e 27 de novembro. O prazo de matrícula abrirá o vindeiro 3 de novembro.

 

Nos últimos tempos xerouse un clima de debate arredor da cuestión do modelo lingüístico no ensino non universitario, que se reflicte na derrogación do Decreto 124/2007, e a aprobación do denominado Decreto do plurilingüismo (Decreto 79/2010) por parte da Xunta de Galicia.

Logo do éxito acadado o pasado ano coas I Xornadas «Educación e linguas en Galicia», dedicadas precisamente a esta problemática, a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Educación decidiu repetir, e apostar nestas II Xornadas por analizar un tema de máxima actualidade  desde a perspectiva profesional do mundo da educaciGardarón: as posibilidades de planificación para a normalización lingüística que existen nos centros escolares, unha vez que se pon en marcha o dito Decreto do plurilingüismo.

Os obxectivos desta nova edición son:

  • Valorar a planificación lingüística como ferramenta para a normalización lingüística dos centros escolares e da súa contorna.
  • Reflexionar sobre o papel dos profesionais da docencia na planificación lingüística escolar.
  • Coñecer experiencias de planificación lingüística escolar nos diferentes niveis educativos e en contextos diversos.
  • Coñecer a experiencia das liñas de galego en educación infantil.


Esta segunda edición das xornadas, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) os vindeiros 26 e 27 de novembro, principiarán con dúas conferencias introdutorias sobre a planificación lingüística escolar e sobre as mudanzas a que obriga o Decreto do plurilingüismo. Logo continuarase con mesas de análise e experiencias en canto ás liñas de galego de educación infantil, planificación orientada á normalización, planificación tamén para a contorna social e planificación lingüística como parte dos proxectos educativos. Profesorado de todos os niveis educativos, representantes de asociacións de pais e nais ou inspectores de Educación formarán parte do elenco de intervinientes nestes dous días.

A matrícula estará aberta ata o 23 de novembro, e custa 10 euros. As xornadas van dirixidas fundamentalmente ao alumnado e ao profesorado de Ciencias de Educación, así como tamén a calquera outra persoa interesada.

Ademais do diploma de asistencia ás persoas matriculadas que acrediten a súa presenza (haberá control de asistencia), os estudantes das titulacións de Ciencias da Educación poderán obter un crédito de libre configuración (que está solicitado), para o cal deberán  entregar unha memoria coas súas reflexións.  Tamén se solicitará o recoñecemento como acción formativa de 14 h para o PDI da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do seu Programa de Formación e Innovación Docente (PFID).
 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de outubro de 2010