Novas recentes

Pola galeguización da plataforma virtual da USC

As comisións de normalización lingüística de Psicoloxía e de Ciencias da Educación consideran que a plataforma Blackboard debe contar o máis axiña posible cunha versión en galego para a USC.

 

O novo curso comezou cunha importante novidade para moitos docentes e estudantes: a plataforma virtual de docencia mudara. Así a Web CT, a antiga aplicación, deixa paso definitivamente, logo dun curso de convivencia, a Blackboard, incluíndo o novo produto Learn, unha contorna de manexo de cursos e contidos, comunidades en liña e sistemas de portais, que actualmente está a ser usada a nivel mundial por diversas institucións educativas. A última versión está operativa dende comezos do curso académico 2009/10 e foi neste curso cando a remuda se fixo definitiva. Xa hai aproximadamente 1800 cursos na nova plataforma virtual, que utilizan uns 21.000 usuarios na USC.

A adaptación á imaxe institucional da USC da contorna de traballo realizouse en 2009-2010. Malia que no web do Centro de Tecnoloxías da Aprendizaxe (CETA) se afirma que se estaba a traballar na súa localización ao galego, o certo é que a estas alturas docentes e estudantes poden configurar a plataforma virtual para ver a interface en español, francés, alemán, italiano, neerlandés, suomi, xaponés, etc. mais non no idioma propio da USC, o galego. Esta eiva non afecta aos contidos, que cada docente poderá seguir elaborando no idioma oficial da súa preferencia.

As comisións de normalización lingüística de Psicoloxía e Ciencias da Educación dirixíronse ao reitor o pasado mes de setembro para solicitarlle que se adoptasen «as medidas oportunas para poñer á disposición da comunidade universitaria unha versión galega da nova plataforma do Campus Virtual, BlackBoard, coa maior brevidade posible».

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Xoves, 28 de outubro de 2010