Novas recentes

VI Premios á calidade lingüística

Corenta e nove traballos optan aos «VI Premios á calidade lingüística» que convocaron o pasado curso as comisións de normalización lingüística de trece centros.

Durante o mes de outubro fóronse reunindo os xurados da sexta edición dos «Premios á calidade lingüística dos traballos académicos» nos seus centros organizadores: Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Ciencias, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía, Veterinaria, EPSE, ETSE e Escola Universitaria de Formación do Profesorado. En total presentáronse 49 traballos. Desta volta foi na Escola Politécnica Superior de Lugo onde maior interese suscitou esta sexta convocatoria, con 2 traballos académicos e 18 proxectos de fin de carreira presentados.

No curso 2009-2010 a convocatoria deste certame sufriu importantes modificacións, derivadas do novo panorama de titulacións e da aparición de novos tipos de traballos. Co concurso a USC premia os dous mellores traballos académicos dos centros que imparten titulacións de primeiro e segundo ciclo e de grao, na primeira das súas modalidades, e o mellor proxecto de fin de carreira (PFC) ou traballo de fin de grao (TFG) de cada unha das titulacións do centro, na segunda das modalidades, sempre que estean escritos en galego e que obtiveran unha calidade mínima na avaliación do profesor ou profesora da materia ou do xurado do traballo en cada curso académico.

Corrección lingüística e terminolóxica, calidade na redacción, coherencia na presentación dos contidos e deseño correcto son os criterios que manexan os xurados, co obxectivo de incentivar o bo exercicio das habilidades comunicativas dos alumnos e alumnas no ámbito docente, na nosa lingua.

Na primeira das modalidades, outórganse dous premios aos mellores traballos académicos presentados por cada centro, a xuízo dos respectivos xurados: un primeiro galardón, de 150 euros e diploma acreditativo, e un segundo, de 100 euros e diploma acreditativo. Na modalidade de PFC e TFG existe un único premio ao mellor traballo por cada titulación do centro, de 300 euros e diploma acreditativo.

Os gañadores e gañadoras dos concursos, así como outros aspectos relacionados coas deliberacións dos xurados, pódense consultar nas actas correspondentes, que se irán publicando na documentación das comisións  de normalización lingüística.

O concurso non remata aquí, xa que os traballos gañadores dos primeiros premios optan aos IV Premios á excelencia, dotados con outros 300 euros e diploma en cadansúa modalidade (traballos académicos e TFG-PFC). Esta segunda fase do concurso resolverao durante o mes de novembro un xurado formado pola secretaria xeral da USC, Lourdes Noya Ferreiro; un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o director do Servizo de Normalización da USC, Manuel C. Núñez Singala.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Xoves, 28 de outubro de 2010