Novas recentes

En galego tamén se fai ciencia

En galego tamén se fai ciencia” é unha campaña promovida polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, a iniciativa da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, co obxectivo de fornecer exemplos e argumentos contra un prexuízo lingüístico aínda ben estendido na sociedade galega: que no ámbito das matemáticas, da química, da física, ou da enxeñaría, do que comunmente se denomina “ciencias”, non é apropiado utilizar o galego. Este prexuízo adoita sustentarse con falacias como a falta de léxico científico-técnico axeitado, problemas de comprensión por parte do alumnado galego castelanfalante, ou problemas de transmisión de contidos.

Os profesores e profesoras Xavier Alcalá, Beatriz de Carlos, Ángel Carracedo, Domingo Docampo, Edita de Lorenzo, Marcos Mariño, Jorge Mira e Elena Vázquez Cendón, dende as súas cadeiras nas tres universidades galegas, así como dende as universidades de Xenebra e Southampton, ratifican que tamén no ámbito específico da investigación se pode utilizar o galego con éxito e sen problemas. Son especialistas en enxeñaría de telecomunicacións, física, medicina xenómica e matemáticas, e para eles e elas, usar o galego nas súas actividades cotiás de docencia, investigación e divulgación é o natural.

Para os oito, alén da obriga de publicaren en inglés os resultados da investigación ou de se relacionaren nesta lingua na comunidade científica internacional, o galego non constituíu pexa ningunha na súa carreira, senón que lles abre portas e lles facilita extraordinariamente os seus contactos con colegas lusófonos. Coidan mesmo que as súas capacidades en galego e castelán lles facilitan a comprensión doutras linguas románicas. Para progresaren nas súas carreiras profesionais non tiveron que “abandonar” o galego, senón aprender e utilizar outros idiomas, arrequentar as súas competencias lingüísticas; como afirma o catedrático Ángel Carracedo, “o plurilingüismo é riqueza persoal, a diversidade lingüística é riqueza da humanidade”.

Trátase dunha campaña multimedia, que parte dun web moi limpo, coa táboa periódica dos elementos químicos como imaxe gráfica de base. Este web integra oito entrevistas a cadanseu científico en formato vídeo e mais unha montaxe integradora de todas elas. Na súa realización participaron servizos audiovisuais, de normalización, de deseño e web das tres universidades, coordinadas pola UdC.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 31 de maio de 2010