Novas recentes

Doce novas unidades didácticas

Bioquímica da lactación, Introdución ás ecuacións diferenciais ordinarias, Clases de Palabras, O medio rural e as políticas agrarias, Subclase Hamamelidae son algúns dos novos doce títulos que saen a lume arrequentando a colección “UD.Unidades Didácticas” da USC. Trátase do resultado dos traballos realizados no Obradoiro de elaboración de unidades didácticas desenvolvido en Lugo o pasado ano na súa terceira edición.

O Obradoiro é unha actividade formativa para o PDI que comezou no curso 2006-2007 como curso piloto, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía e organizado polo Servizo de Normalización Lingüística dentro do Programa de Formación e Innovación Docente. Nel interveñen especialistas da didáctica, da lingua e da comunicación, da edición e da lexislación aplicable ao caso, e o seu obxectivo é contribuír á elaboración e facilitar a publicación de unidades didácticas como instrumento docente na nosa universidade. A meta foi ben conseguida, dado que se levan publicado trinta e tres unidades didácticas dos máis diversos eidos (economía, matemáticas, filoloxía, bioloxía, antropoloxía, dereito, enxeñaría, medicina, química, enxeñaría...). O obradoiro vai xa pola cuarta edición, desta volta en Santiago e viu as súas prazas esgotadas ás poucas horas de se abrir a matrícula.

Estas publicacións son un recurso didáctico de calidade para utilizar non só os seus autores para as materias que imparten, senón que tamén outros/as docentes doutras titulacións poderán recomendalas na súa docencia.

Deixar atrás os apuntamentos ou as fotocopias, para contar cun material de apoio ao ensino con calidade, tanto formal coma nos contidos, adaptado ás necesidades reais e ao contexto da USC. Facilitar a elaboración e a publicación, por parte dos docentes, deste tipo de materiais importantes... Trátase dunha colección necesaria para a USC. E a lingua galega enfiou dende o principio á fin esta importante iniciativa para a actividade docente, a cerna da universidade.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Xoves, 29 de abril de 2010