Novas recentes

II ETSE Open de SL / II Fiadeiro de localización de software libre

Gustaríache participar niso de galeguizar software mais cres que non tes coñecementos técnicos informáticos? Es un toliño/a ou simplemente un afeccionado/a da informática, e do que te ves máis coxo/a, porén, é do dominio do galego ou do inglés? Na ETSE teñen a solución: aprender o que che cómpre e traballar en equipo.

A segunda edición do ETSE Open de SL/ Fiadeiro de localización de software libre é unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, organizada xunto co Servizo de Normalización Lingüística e a Oficina de Software Libre, que permitirá aprender e traballar de xeito colaborativo a persoas da USC con perfís moi diferentes, sexan estudantes, profesores/as ou PAS, a prol dun empeño común: galeguizar unha serie de aplicacións informáticas de software libre.

Os xoves 15 e 22 de abril terán lugar os obradoiros de formación, en que persoal da Oficina de Software Libre da USC nos introducirán nos rudimentos do traballo de localización; entregarase materiais e haberá práctica, que dará pé á constitución de parellas interdisciplinares.

Posteriormente o venres 30 de abril as persoas que participaron no obradoiro reuniranse outra volta para compartir durante 8 horas música, comida, conversa e traballo de localización.

Todos os asistentes terán un diploma de asistencia por 15 horas, e os estudantes poderán obter 1 crédito de libre configuración ou 1 ECTS (que se está a tramitar), ademais da experiencia que poderán acreditar no seu curriculum. Por outra banda, haberá un premio «Máis e mellor» para aquela parella que traduza máis cantidade de cadeas e coa maior calidade.

A matrícula, cuxo prazo xa está aberto ata o día 30 de abril, custa 10 euros, e formalízase a través do web, onde poderás atopar toda a informacióni necesaria sobre esta iniciativa de dinamización para o fomento conxunto do galego e do software libre.

O pasado ano celebrouse, con grande éxito de participación, a primeira edición deste Fiadeiro, en que se localizou parte dunha ferramenta moi especializada, o NeatBens, de uso docente na ETSE. Desta volta, escolmouse unha serie de pequenas aplicacións de uso máis xenérico, o que ha facilitar a tradución e que se completen as localizacións.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 17 de marzo de 2010