Novas recentes

Por un desenvolvemento consensuado do PXNL

O 20 de novembro de 2009 o Consello da Cultura Galega deu a coñecer a súa ”Proposta institucional sobre a Lingua Galega ao Parlamento de Galicia”, aprobada polo Plenario da institución. O CCG proponlle  ao Parlamento que promova “a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística”.

Dado que o CCG é un órgano consultivo que ten como finalidade principal a defensa e promoción dos valores culturais galegos, e  perante o intenso debate social e político que se está a producir en Galicia arredor das políticas relacionadas coa lingua galega, o Consello da Cultura elaborou unha proposta para a súa consideración por parte do Parlamento de Galicia, da Xunta e da opinión pública galega, ao que agora se uniu a Universidade de Santiago de Compostela, logo da aprobación no Consello de Goberno na súa sesión do 17 de febreiro de 2010.

O debate sobre as linguas en Galicia foise intensificando nos últimos anos e acabou derivando nunha controversia política e social envolveita nunha excesiva virulencia, e polo mesmo seriamente prexudicial para os intereses xerais do país, pois dexenereu en polémicas irracionais, nas cales se chegan a poñer en cuestión as bases sobre as que se sustenta a nosa identidade e cohesión social, e incluso a propia lexitimidade das políticas de promoción do galego.

Para o CCG é fundamental mudar esta situación e realizar un debate sereno e informado á procura de acordos amplos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar o proceso de recuperación do galego. Ese consenso debe apoiarse na lexislación vixente e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, xa que foi aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia en 2004, gobernando o Partido Popular, e ratificado tamén por unanimidade en outubro de 2008, baixo un goberno de coalición PSdG-PSOE / BNG. Por tanto, foi aprobado en dúas ocasións por  unanimidade, baixo gobernos de distinto signo político.

Polo tanto, o CCG propón a constitución dunha comisión parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que debera elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Luns, 15 de marzo de 2010