Novas recentes

Os idiomas nas teses de 2009

Non foi a única tese de doutoramento en galego na nosa Universidade: en 2009 elaboráronse 28,5. En concreto, 19 destes traballos redactáronse unicamente en galego, e outros 9,5 incorporárono ben como lingua principal (2 teses) ou ben como lingua secundaria (7,5 teses). Cómpre aclarar que, nos casos en que o traballo se elabora en dous idiomas, cada un deles contabiliza como 0,5.

Evidentemente, tampouco o Departamento de Química Física foi o único onde se presentou unha teses en galego; tamén sucedeu noutros departamentos como Economía Aplicada, Edafoloxía e Química Agrícola, Filoloxía Galega, Filoloxía Inglesa, Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, Xeografía, Análise Matemática, Química Inorgánica, Enfermaría, Bioloxía Celular e Ecoloxía, Socioloxía e Ciencia Política e da Administración.

Porén, o dato máis salientable a respecto dos idiomas das teses en 2009é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 216 teses lidas en 2009, 150 realizáronse neste idioma (o 69,44%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (13,19%), o portugués (10,64%), o inglés (5,55%) e outros (1,15%), resulta moito máis discreta. Hai diferenzas na distribución dos idiomas segundo estes traballos se redacten nunha única lingua ou en dúas (47 teses); nesta derradeira circunstancia medra a utilización de idiomas diferentes ao castelán, tanto en cantidade como en diversidade lingüística, especialmente no seu uso como idioma secundario: alemán, catalán, francés ou italiano.

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezou o programa de axudas, 1994, percíbese unha progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, do portugués e doutras linguas, nomeadamente o inglés. Cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009.

A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, malia que con pequenos picos, semella ben asentada e mesmo sobe un par de puntos. Na década dos 90 a media de uso foi do 7,06%, e na primeira década deste milenio, do 9,36%.

Malia os doutorandos e doutorandas contaren cun programa de axudas da Universidade que incentivan o uso do galego, o certo é que non deben resultar moi coñecidas: só 8 das teses defendidas na nosa lingua en 2009 solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico. O mesmo cabe dicir dos incentivos a outros traballos de investigación a que poden optar os autores e autoras que os redacten en galego. Mesmo semella que existe unha diminución no número de axudas solicitadas.

Un aspecto importante que cómpre salientar: o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 26 de febreiro de 2010