Novas recentes

Mudanzas na acreditación do coñecemento do galego para o PAS

Nas probas de acceso a postos de persoal de administración e servizos (PAS) da USC inclúese unha proba de coñecemento de galego. Ata agora estas probas, de carácter obrigatorio, aínda que non eliminatorio, consistiron sempre nunha tradución dun texto escrito, tanto do galego para o castelán como do castelán para o galego.

Tales probas foron arreo cuestionadas polo propio Servizo de Normalización Lingüística, dado que unha tradución dun idioma para outro non é demostrativa das competencias comunicativas (expresión e comprensión oral e escrita) con que debe contar o persoal da Universidade para exercer con propiedade as súas funcións na nosa lingua, segundo o disposto na normativa vixente na USC. As competencias orais son as grandes esquecidas neste tipo de probas, cando, porén, o traballo diario de moitas persoas do PAS é eminentemente oral. A proposta do SNL sempre foi, ademais, no sentido de adaptar as esixencias competenciais ás funcións dos postos, de xeito que se creen perfís lingüísticos na relación de postos de traballo (RPT). Os sucesivos comités de empresa e xuntas de persoal do PAS tíñanse sumado ás recomendacións do SNL para modificar as probas e facelas máis racionais.

A modificación da Lei da función pública aprobada polo goberno da Xunta en xuño de 2009 suscitou controversia sobre a obrigatoriedade de aplicala na USC; finalmente a Xerencia decidiu eliminar a realización dunha das probas do proceso selectivo necesariamente en lingua galega, en consonancia coa dita modificación.

Nas negociacións efectuadas cos órganos de representación sindical acordouse, porén, efectivizar o mandato do art. 56.2 do Estatuto Básico do Empregado Público: «As administracións públicas, no ámbito das súas competencias, deberán establecer a selección de empregados públicos debidamente capacitados para cubriren os postos de traballo nas comunidades autónomas que gocen de dúas linguas oficiais».

Foi a necesidade de adecuar a selección de empregados ás competencias lingüísticas necesarias para cada posto de traballo, o que abriu a porta a unha negociación coa representación sindical neste senso. E chegouse a un acordo en virtude do cal se modifica o procedemento de acreditación do coñecemento da lingua galega nos procesos selectivos para o PAS.

O novo sistema

En primeiro lugar, a relación de postos de traballo deberá contar con perfís lingüísticos para as diversas categorías ou postos de traballo específicos. Técnico/a de imaxe e son, responsable da Unidade de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos, mestre/a da Escola Infantil, xornalista do Gabinete de Comunicación, secretario/a xeral adxunto/a ou condutor son, por citar algúns exemplos, postos con necesidades comunicativas moi diversas, e pertencen a grupos diferentes (e polo tanto, con niveis de estudo esixidos tamén distintos). Xa que logo, o coñecemento da lingua galega destes postos debe adaptarse ás funcións que se desempeñen e ao nivel académico das titulacións que se esixan.

En segundo lugar, a acreditación do nivel de coñecemento correspondente pódese facer ou ben documentalmente mediante o certificado de lingua galega (Celga) que se determine na RPT, ou ben mediante a realización dun exercicio no proceso selectivo. Este exercicio ha ser o primeiro da parte de coñecementos non específicos e ten carácter eliminatorio, xa que se cualifica como apto/a ou non apto/a, en consonancia cos exames dos ditos certificados.

O exercicio poderá constar de varias probas coas que se demostren as competencias comunicativas en lingua galega no nivel correspondente: comprensión oral e escrita, así como a expresión oral e escrita.

Os primeiros procesos selectivos que responden a esta nova modalidade xa están en marcha.

E para o PDI?

Nos concursos de acceso a corpos de funcionariado docente universitario prodúcense dúas situacións:

  • Nos rexidos pola normativa aprobada o 20 de decembro de 2004, o coñecemento de galego é un dos "Outros méritos relevantes para a praza", ao que se lle outorga un valor de entre o 10 e o 20 % do correspondente a esa epígrafe.
  • Nos rexidos pola normativa aprobada o 11 de febreiro de 2009 é un requisito que se acreditará despois do nomeamento como funcionario/-a, tal e como se recolle no artigo 10.1.e.

Os concursantes unha vez nomeados funcionarios deberán acreditar, ben a través da comisión de selección ou documentalmente, un nivel de coñecemento da lingua galega, equivalente ao Celga 3 e do español equivalente ao nivel B2. De non ser así, a persoa nomeada funcionario deberá realizar un curso de coñecemento da(s) lingua(s) organizado pola propia universidade.

Nos procesos de selección de PDI contratado e interino, o coñecemento do galego é un dos "Outros méritos relevantes para a praza". Alí recibe unha valoración de 4 puntos sobre un total de 17 que se poden acadar como máximo nesta epígrafe.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 24 de febreiro de 2010