Novas recentes

Parellas, parelles... Parellaes

É ben sabido que o mellor xeito de aprender un idioma é utilizalo. Mais se un non reside na comunidade lingüística en cuestión, pode resultar difícil atopar espazos nos que empregalo. É nestes casos cando cómpre organizarse e buscar outras persoas nunha situación semellante para ter un apoio.

Na USC acaba de botar a andar un programa de intercambio lingüístico galego-catalán especialmente pensado para todas aquelas persoas que queiran practicar algunha destas dúas linguas e teñan dificultades para facelo máis alá das aulas da Universidade. O nome elixido para este proxecto é Parellaes, xa que cada “grupo” fórmano un estudante da USC que curse ou cursara algunha materia da Área de Catalán e outro que sexa orixinario do ámbito lingüístico catalán e que estea nesta Universidade cun programa SICUE-Séneca.

A idea do programa é que estas parellas practiquen ambas as linguas, catalán e galego, nun ambiente relaxado e cómodo. Pode ser tomando un café, dando unha volta pola Alameda ou de xoldra pola noite. O importante é laretear, conversar, charlar, latricar, comentar, disertar, dialogar... falar, en galego e en catalán.

Se che interesa esta iniciativa e queres apuntarte, non tes máis que enviar un correo electrónico a mamerce.lopez@usc.es ou a dolors.perarnau@usc.es, explicando o teu nivel en nos dous idiomas, así como os teus gustos e preferencias. Axiña te han pór en contacto coa persoa máis acaida para intercambiardes coñecementos en lingua. E se todo isto aínda non te acabou de convencer, lembra que esta actividade está recoñecida por un crédito de libre configuración na USC!
 

Duarte Romero Varela

Luns, 22 de febreiro de 2010