Novas recentes

Hai queixas polas linguas na USC?

Como mandan os Estatutos da Universidade, o valedor da comunidade universitaria presentoulle ao Claustro, na sesión do 18 de decembro pasado, un informe sobre a súa xestión. O valedor é o órgano designado polo Claustro para a defensa e garantía dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Nos seus informes recóllense as queixas que estudantes, PDI e PAS realizan sobre distintos aspectos da USC (calidade da docencia, servizos, atención, información, etc.), así como as accións que o valedor realiza perante os órganos correspondentes para instar a que se melloren os dereitos e liberdades  da comunidade universitaria así como a calidade en calquera ámbito da Universidade.

 

O informe defendido no pasado Claustro correspóndese cos cursos 2006/2007 e 2008/2009 e analiza un total de 72 queixas presentadas neste período. Entre todas elas, e neste espazo de tempo tan amplo, só tres se refiren a cuestións lingüísticas. Trátase que reclamacións de persoas que se dirixen a determinados servizos da USC na nosa lingua e que non son correspondidos pola institución, contravindo así o disposto polo Regulamento de uso do galego na USC.

 

Asemade, ao Valedor solicitóuselle unha mediación por mor do escaso uso da nosa lingua na docencia, un dos grandes puntos pendentes no proceso de normalización da universidade galega e obxectivo do Plan de normalización da USC.
 

Duarte Romero Varela

Venres, 29 de xaneiro de 2010