Novas recentes

Nos mestrados oficiais, estreamos datos sobre os idiomas

En efecto, coa posta en marcha do proceso de reforma dos plans de estudo demandado polo Espazo Europeo de Educación Superior, establécese unha estrutura das novas titulacións universitarias en tres niveis: grao, mestrado e doutoramento. A oficialización deste segundo nivel de estudos impulsou a súa incorporación ao POD, para todos os efectos.

 

Segundo os datos fornecidos por XesCampus, a lingua maioritaria nos mestrados é o castelán, co 70,51% das horas docentes, seguida polo galego (25,25%). En xeral, son uns datos moi semellantes aos das titulacións de grao e de 1º e 2º ciclo, e se cadra os máis rechamantes son o bo mantemento do galego e mais a medra do inglés, que sobe do 1,54% ao 2,60%.

 

Porén, ao debullarmos os datos por titulacións, vemos como son de novo fabas contadas (só no mestrado de Biotecnoloxía) os casos de materias impartidas en inglés que non sexan ou ben inglés técnico ou ben materias de mestrados relacionados dalgún xeito coas linguas e nos que intervén o Departamento de Filoloxía Inglesa (mestrados de Profesorado, de Servizos Culturais, de Estudos comparados de Literatura e Cultura, de Estudos Ingleses).

 

Aínda que a priori son os mestrados as titulacións que teoricamente mellor se adaptan á introdución do inglés -e tamén doutras linguas-, especialmente os de perfil investigador, o certo é que nin a preparación do alumnado nin a do profesorado -especialmente na súa vertente oral, como demostra o estudo de Fernández Polo e Cal Varela- facilitan o seu emprego.

 

Por outra banda, cómpre deixar constancia de que a meirande parte dos aspectos da organización da docencia dun mestrado recaen no seu coordinador ou coordinadora, mesmo o referido aos idiomas da docencia. Malia todo o persoal docente ter os seus dereitos lingüísticos garantidos, o certo é que as directrices lingüísticas dos responsables dos mestrados, máis ou menos explícitas, desempeñan un rol importante, e ás veces cuestións como a vocación internacional da titulación poden servir como escusa para evitar o uso do galego.

 

 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de xaneiro de 2010