Novas recentes

Evolución no uso das linguas na docencia

Se atendemos á evolución do datos xerais  de uso das linguas, o primeiro resultado que cómpre salientar é o descenso do uso do castelán, que é de algo máis de 13 puntos (vid. Gráfico 4), cunha baixada especialmente notable neste curso (uns 7 puntos). O idioma que máis sobe é o galego, que logo dunha medra suave de pouco máis de 3 puntos nos cursos anteriores, dispárase máis de 7 puntos no actual (vid. Gráfico 3). Os restantes idiomas, sacados os datos dos dous primeiros cursos, amosan pequenas variantes nun intervalo de só 4 puntos (vid. Gráfico 4 bis).

Semella claro, á vista das gráficas, que ademais das variacións de datos tan «fortes» que se produciron ata o curso 2005-2006, pola incorporación de linguas estranxeiras na aplicación informática XesCampus, logo dun intervalo de tres cursos con moi poucos «picos», neste curso 2009-2010 produciuse unha boa sacudida na utilización das linguas oficiais, a prol do galego, especialmente nos novos graos. Ata non contarmos con novos datos nos vindeiros cursos, convén sermos cautos á hora de interpretar esta maior incorporación do galego na docencia como inicio dunha tendencia normalizadora ou como un feito puntual debido á vontade do propio PDI, ou ben a erros ou mesmo fraudes ao cubrir o POD, como algúns apuntan.

Por titulacións, albíscase unha situación –loxicamente- bastante estable, con pequenas variacións. En xeral as titulacións que máis docencia en galego ofrecen, tenden a aumentar levemente, tanto en número de titulacións (de 7 a 19, nos sete cursos académicos) como en porcentaxes de horas de clase na nosa lingua. A utilización das cores no documento permite percibir doadamente tanto os erros á hora de cubrir os POD (véxase os casos de Enfermaría de Lugo ou de Ciencias Criminolóxicas, camiño de convertérense en clásicos), como cambios máis congruentes e comprensibles (por organización da docencia, por cambios de profesorado, por cambios de criterio...), aínda que algúns resulten rechamantes, como as de Filoloxía Románica.

Finalmente, coa análise dos datos por departamentos vese bastante estabilidade nos «extremos», tanto no abano de departamentos con absoluta –ou case- falta de docencia en galego (así, por exemplo, hai 9 departamentos que levan cinco cursos consecutivos impartindo un 0% de docencia en galego), como no tramo que supera a metade de horas docentes en galego, xa que outros 9 departamentos cumpren esta condición nos últimos cinco cursos. Porén, prodúcense  «pequenas» oscilacións, maioritariamente na «zona central», é dicir, entre os departamentos que imparten entre o 10 e o 50% da docencia en galego. En xeral unha vez superada a media de uso da USC, o uso do galego tende a aumentar (canto máis galego, máis galego), e no tramo anterior é máis estable, malia os pequenos picos.

Algunhas deses abaneos son, en boa lóxica, produto de erros (véxase Química Orgánica). Outras débense á incorporación dalgún profesor ou profesora ao galego, ben por contratación ou reingreso, ben por cambio de idioma de xeito individual (Medicina, Obstetricia, por exemplo).

O que non parece que tivese moito impacto no uso do galego é a introdución de obxectivos lingüísticos nos plans estratéxicos dos departamentos, ao abeiro do Plan Estratéxico da USC. Así departamentos como Cirurxía ou Estomatoloxía, que marcaron como obxectivo estratéxico chegaren ao 20% de galego na docencia fican curso tras curso nun teimudo 0% ou soben ata un modesto 1,10%. O mesmo ocorre con obxectivos relacionados coa introdución do inglés na docencia.


 

 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de xaneiro de 2010