Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
"Hai que introducir o galego no ensino con medidas atractivas"
Pilar Brocos é docente e investigadora do Departamento de Física Aplicada da USC. Acaba de gañar o VI premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras cun proxecto que propón utilizar as series de produción propia da TVG como recurso docente. Nesta entrevista comparte connosco as súas reflexións sobre a lingua.
Contabas co premio?
Tiña grandes esperanzas, era consciente de que a miña idea era abondo boa como para gañar, pero nunca sabes como van ser as propostas dos demais. Comenteille o meu proxecto a unha persoa do meu contorno que ten certos prexuízos cara ao galego e díxome que estaría disposta a aplicalo nas súas clases porque non había nada nel que lle cheirase a imposición. Daquela, o feito de convencer a alguén tan pouco proclive ao uso da nosa lingua, xa me fixo sentir premiada.
Era a primeira vez que te presentabas?
Si, antes nunca tivera unha idea feliz digna de ser presentada.
E cales son os peares fundamentais desa idea?
A miña proposta baséase en empregar na docencia as series de produción propia da TVG, xa sexan de ficción ou documentais. Como cada unha delas se pode asignar a unha determinada temática, pode servir de recurso de apoio nunha clase, especialmente agora, no Espazo Europeo de Educación Superior, onde unha parte do curso é interactiva. A través deste material, o docente pode propor o estudo de determinados casos baseados no argumento dalgunha serie. Para o seu desenvolvemento propoñía que as universidades asinasen un convenio coa TVG para pór á disposición do alumnado este material audiovisual en dous soportes diferentes. Por unha banda na plataforma dixital de TVG á carta e, polo outro, en DVD para, por exemplo, podelos mercar nas reprografías dos centros. Esta última edición en soporte físico debería estar un pouco máis coidada e mesmo adaptada para persoas con discapacidade; ademais debería ter un prezo reducido para o estudantado. O positivo desta iniciativa é que tanto o profesorado como o alumnado contarían cun material integramente en galego que pode facilitar que empreguen a nosa lingua tanto na elaboración de traballos como na propia docencia, e que ao mesmo tempo adquiran vocabulario en galego das súas disciplinas dun xeito natural.
Pódese empregar xa esta metodoloxía?
Coa situación actual non é doado. Non todo o mundo ten Internet na casa e isto dificulta as cousas. De feito, ás veces subo material ao Campus Virtual e os alumnos quéixase porque teñen problemas para descargalo. Non podes esixirlle a un estudante que teña conexión á Rede no seu domicilio, polo que o ideal é que tamén poidan ter acceso ás series en formato físico; de aí a importancia do convenio. Por outra banda, este tamén incidiría no aumento de contidos da plataforma TVG á carta, xa que se incluirían moitas series de tempadas pasadas que hoxe non son accesibles.
Como ves a situación do galego nas disciplinas científicas?
Véxoa igual de mal que hai dous ou tres anos, aínda que os datos amosen melloras. A USC está a aplicar unha política de incentivos para o uso do galego na docencia que consiste en sumarlle puntos na avaliación docente a aqueles profesores e profesoras que impartan aulas na nosa lingua. Nun principio parecíame ben, pero agora penso que favorece a fraude, xa que hai docentes que solicitan que conste de xeito nominal que empregan o galego como lingua vehicular nas clases, malia ser completamente falso. O xeito de introducir o idioma no ensino ten que ser en base a medidas atractivas que sexan útiles na docencia.
E a nivel autonómico?
Tamén a vexo mal, non creo que esteamos mellorando, por moito que as versións oficiais digan o contrario. De todos os xeitos, tamén me preocupa o feito de que o galego se está contaminando cada vez máis. Pérdese cada vez máis léxico e introdúcense moitas expresións propias do castelán. Nos medios de comunicación isto tamén acontece, sobre todo nos programas en directo, onde en cada frase se introducen dúas interferencias do español.
Que opinas daquelas voces segundo as cales non se pode estudar, por exemplo, física en galego?
Iso é un absurdo. Eu dou clase de Fundamentos Físicos da Enxeñería na Escola Politécnica Superior de Lugo e non teño ningún problema. O galego é unha lingua tan válida para a ciencia como calquera outro idioma do mundo.
Duarte Romero Varela
Xoves, 17 de decembro de 2009