Novas recentes

Máis calidade que nunca!

Xa van alá cinco edicións dos Premios á calidade lingüística dos traballos académicos en lingua galega, e a nómina de centros cuxas comisións de normalización lingüística se suman á convocatoria medra ano tras ano. Desta volta é a Facultade de Ciencias da Comunicación a que se une para fomentar a cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. A presentación axeitada dun traballo académico dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír. E dende logo, a USC quere que esa habilidade tamén a demostre o seu alumnado en lingua galega.

Se no curso 2006-2007 a convocatoria dos Premios á calidade se arrequentaba co Premio á excelencia lingüística, galardón único para o mellor dos traballos premiados previamente nos centros, a convocatoria deste curso que andamos preséntase unha importante novidade, motivada pola redefinición do sistema de titulacións da USC por mor da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Os novos graos, ademais de promoveren a elaboración dun meirande número de traballos académicos ao longo do curso, rematan cun traballo de fin de grao, dun xeito parello ao tradicional remate das enxeñarías -os proxectos de fin de carreira-. Co obxecto de promover o uso do galego e a calidade formal ao longo de toda a titulación, tendo en conta as diferenzas na entidade dos diversos traballos académicos que deben realizar os estudantes, as bases dos VI Premios á calidade lingüística recoñecen dúas modalidades con cadanseus premios.

A modalidade de traballos académicos de curso está dotada con dous premios á calidade aos mellores traballos presentados por cada centro convocante, de 150 e 100 €, respectivamente, ademais de diploma acreditativo. Os traballos merecentes dos primeiros premios participarán nunha seguinte rolda en que se dirimirá o premio á excelencia lingüística, dotado con outros 150 €.

A modalidade de traballos de fin de grao e proxectos de fin de carreira está dotada con un único premio á calidade por cada titulación dos centros convocantes, de 300 € e diploma acreditativo. Logo todos os traballos premiados entrarán na rolda do premio á excelencia correspondente, que fornecerá outros 300 € (e diploma)

Redactares unha traballo académico en lingua galega, sempre que reciba o aprobado do docente ou do tribunal que o xulgue, é, logo, unha oportunidade de mellorares o teu curriculum e o teu peto. Non tes que facer nada en especial (a parte de presentárelo aos premios): só facelo o mellor posible, dende o punto de vista dos contidos e da presentación formal, pois a corrección lingüística, o emprego acaído da linguaxe de especialidade, a calidade na redacción, a estruturación e presentación da información, e mais o deseño son os ítems que van valorar os xurados. Contas no web do SNL cunha escolma de recursos que sen dúbida han axudarche a mellorar a presenza e a lingua dos teus traballos.

A que esperas? Tes ata o 10 de setembro para presentalo, mais... vai redactando o traballo en galego!
 

Xoves, 17 de decembro de 2009