Novas recentes

Ubuntu-USC: O sistema operativo libre, en galego e para a USC

Unha das grandes vantaxes do software libre fronte ao privativo é que permite  modificar as aplicacións en función das necesidades de uso. Deste xeito, pódense mellorar e adaptar os programas aos diferentes contextos e usos que se lles queira dar, e tamén ás diversas linguas. Eses procesos de adaptación chámanse localización.

Deste xeito, o popular sistema operativo libre Ubuntu, baseado en GNU/Linux, conta cunha localización para o galego, o Galinux, desenvolvida pola comunidade de tradución de software ao galego (g11n) coa coordinación de Mancomún. E grazas á Oficina de Software Libre da USC, podemos instalar nos nosos ordenadores Ubuntu-USC, unha localización propia para a nosa universidade coa cal a interface do sistema asume a estética corporativa da USC, ademais de incluír as configuracións de hardware necesarias para operar na contorna universitaria. No marco destas melloras, a OSL fixo unha contribución importante na súa galeguización, sendo o chamado Ubuntu-USC o sistema operativo con maior porcentaxe de galego.

Ubuntu-USC facilita o acceso a unha contorna de traballo educativa en galego -e tamén en castelán- coa selección mais completa de ferramentas que se poden distribuír libremente. Intégrase cos servizos da Universidade e permite construír outros novos que automatizan e facilitan as tarefas de mantemento, asistencia e implantación, e ademais Ubuntu-USC satisfai as necesidades específicas da Universidade: configuración e autenticación de rede, administración de aulas docentes e identidade corporativa. Adicionalmente, Ubuntu-USC irá desenvolvendo de xeito progresivo unha serie de paquetes de software para instalar os aplicativos mais necesarias para o estudo de cada titulación.

Pero ademais Ubuntu-USC representa unha aposta por un modelo de coñecemento baseado nos principios de universalidade e libre difusión de ideas, concorde coa filosofía educativa da USC.

Independentemente de podérmolo probar e descargar nos nosos propios computadores de xeito individual, Ubuntu-USC implantouse nas facultades de Ciencias da Educación e Dereito, así como na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e proximamente hase instalar en Filosofía, Matemáticas, Física e Filosofía, respondendo a plans piloto que pretenden substituír os elementos privativos por outros de código aberto. Estes plans están dirixido fundamentalmente ás ferramentas que se empregan na docencia, pero tamén nas aulas de informática de uso libre para o estudantado están implantadas aplicacións libres. Deste xeito, o uso dun sistema operativo libre e en galego beneficia xa a perto de 5000 estudantes, ademais de aos asistentes aos cursos e seminarios externos, o que lle dá aínda maior proxección á ferramenta desenvolvida pola OSL.

Duarte Romero Varela

Xoves, 17 de decembro de 2009