Novas recentes

Neste nadal, agasallos en galego!

Dende galanos para os máis pequenos da casa ata serios compromisos de empresa. Sempre hai posibilidades de que o galegao vaia, dalgún xeito, nos nosos agasallos, como unha marca de identidade. E hoxe en día contamos con todo o tipo de obxectos de consumo, para todas as idades,  feitos na nosa lingua: libros, cómics, filmes, música, roupa e complementos, libros, axendas, xoguetes...

Os lectores e lectoras recibirán con gusto un libro ou unha banda deseñada en galego. Os primeiros lectores poden recibir títulos como Mago Goma  ou Mil cousas poden pasar, coa que han coñecer a esquecida figura do Apalpador. Títulos como Valados, O maquinista Antón hanlles gustar aos nenos e nenas. A serie infantil Os Bolechas, ademais das coleccións de libros ofrécenos os seus propios obxectos de mercadotecnia, que moito lles gustan aos cativos e cativas: cadernos, lapis...  E, por exemplo, Maquinaria ou O contador de estrelas van ben para rapazolos e rapazolas. Un libro interesante na nosa lingua é unha boa opción, fácil de atopar en moitas librarías físicas e dixitais.

Os partidarios de xogos poden agasallar un trivial, un xogo da oca ou algún dos xogos de mesa tipicamente galegos (o quebracabezas da lingua, o aforcado de San Xoán...) e na nosa lingua.

Nestas datas tamén é habitual ofrecer a última novidade tecnolóxica.  Existen móbiles no mercado con opcións en galego así como reprodutores de MP3, MP4 e reprodutores de vídeo. Se es da vella escola e o que che presta é esborranchar unha axenda das de toda a vida, tamén has ter onde escoller. Mais se es dos que andan ao último berro, as editoriais Xerais e Galaxia poñen un pequeno luxo ao servizo do galego, os primeiros libros electrónicos na nosa lingua.

E xa que dispoñemos de reprodutores de vídeo e de música en galego, por que non agasallar cun boa peli ou a última novidade musical galega? Non hai escusas para non gozar do mellor cinema e música en galego: Os mortos van a présa, Flores tristes, Terra de soños, Benzón, Cuarta potencia...

E por último, a roupa e os complementos. Hai varias marcas que ofrecen orixinais modelos de chapas e gafas, ou tamén camisolas e suadoiros con divertidas mensaxes e deseños, propios para persoas de calquera idade: podes atopar dende un «Bailaches Carolina?» ata un «Non fagas de morto o que podes facer de vivo...». E se os reis magos lle traen ao naipelo da casa unha camisoliña co lema  Fálame con xeito ou un petobeibi?

Por suposto, tamén podemos facerlle caso ao Foro Enrique Peinador, que nos recomenda En galego consumo gusto, e aproveitar para regalar produtos alimenticios do país etiquetados en galego: viños, queixos, conservas...

Este Nadal, sen dúbida, os reis magos hannos traer agasallos na nosa lingua, mais temos que escribir a carta en galego, que os magos teñen que practicar!

 

Xoves, 17 de decembro de 2009