Novas recentes

Un traballo excelente!

O xurado do III Premio á excelencia lingüística decidiu o pasado 18 de novembro outorgarlle este galardón ao traballo Desenvolvemento de Aplicacións de software SQTCSA, da autoría de Olalla Galiñanes Feijoo, Fernando Gómez Folgar, Vanesa Graíño Pazos, Alejandra Mosquera Gómez e Sergio Torrado Mariño. O traballo foi elaborado o pasado curso, cando eran estudantes de 2º curso de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, na materia “Bases de datos”, impartida polo profesor Antonio Mosquera González.

Os 300 euros e mais diploma acreditativo deste premio á excelencia súmanse aos 300 euros e diploma de que foi merecente ao gañar o primeiro premio á calidade lingüística na súa Facultade. Durante o mes de outubro ditamináronse os IV Premios á calidade lingüística dos traballos académicos, correspondentes ao pasado curso 2007-2008, que organizaban as comisións de normalización lingüística das facultades de Administración e Dirección de Empresas , Bioloxía, Ciencias da

Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía, Veterinaria, e mais da Escola Politécnica Superior e da scola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo. Todos os traballos gañadores dos primeiros premios nos seus centros participaron nesta segunda volta á busca de revalidarse.

Con este concurso a USC recoñece os dous mellores traballos académicos de primeiro e segundo ciclo de cada centro, escritos en galego e que obtiveran unha calidade mínima na avaliación do profesor ou profesora da materia en cada curso académico.

A corrección lingüística e terminolóxica, a calidade na redacción, a coherencia na presentación da información e o deseño correcto son os criterios que manexan os xurados, co obxectivo de incentivar o bo exercicio das habilidades comunicativas dos alumnos e alumnas no mbito docente na nosa lingua.

Trátase dunha boa oportunidade: se vas facer un traballo académico para unha materia, con que o fagas ben e en lingua galega, podes optar ao premio. Pode ser de calquera materia da titulación, sen importar o seu carácter (obrigatoria, troncal, optativa, de libre elección).  E se es profesor ou profesora, difunde este concurso entre os teus alumnos/as, que contribúe a espallar a cultura da calidade, valorando o esforzo que supón un traballo ben feito, así como á extensión do galego.
 

Mércores, 25 de novembro de 2009