Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Xosé Pereira: "Queremos que o estudantado de Ciencias da Comunicación se converta nunha peza clave para o avance do noso idioma"
A Facultade de Ciencias da Comunicación está á vangarda no que a uso do galego na USC se refire. Ao abeiro dos datos, as titulacións que se imparten neste centro son as que maiores porcentaxes de galego na docencia presentan. Xornalismo ten un 84,12% e Comunicación Audiovisual, un 77.97%. O novo decano, Xosé Pereira, leva desde o ano 94 nesta Universidade e coñece as perspectivas do alumno e máis do docente. Nesta entrevista expón os acertos e eivas da facultade máis galeguizada de Compostela.
Estas altas cotas de galego na docencia, son froito do azar ou do compromiso?
Penso que é compromiso. Coincidiu que nun comezo había un profesorado moi comprometido co galego tanto a nivel persoal como profesional, e desde sempre empregouse a nosa lingua dun xeito masivo. Grazas a isto creouse un contexto galegofalante normal que se trasladaría ás novas incorporacións. Partimos dunha casualidade, que era o compromiso co idioma do profesorado orixinario, pero agora non hai nada azaroso, senón que todos e todas apostamos e nos comprometemos coa lingua galega. Témolo bastante conseguido, xa que aínda que os datos non son ideais, son razoablemente bos. Onde constatamos un maior descenso do uso habitual do idioma é entre o alumnado.
Este compromiso contrasta con que non haxa unha Comisión de Normalización Lingüística que poida traballar máis o estamento estudantil.
Existiu unha Comisión de Normalización Lingüística e desactivouse. Probablemente de xeito errado, pero foi unha decisión que se tomou hai tempo xa que deixar de incentivar o uso do galego nos docentes con estas porcentaxes non parecía tan grave. A nova Comisión, que se nomeará neste novo mandato, haberá que orientala doutro xeito; que non se limite a intentar convencer o profesorado, senón que sirva para reforzar ese 80% acadado e trasladar estas preocupacións e compromisos ao resto de comunidade universitaria do centro, alumnos e PAS.
Cal é o segredo de Ciencias da Comunicación?
Non é un segredo, non ocultamos nada. Cal é a clave? Pois que polo noso traballo temos que traballar coa lingua e con elementos con moita repercusión social como son os medios de comunicación. Se xuntamos o noso compromiso co idioma e esta repercusión á que temos acceso, sentímonos na obriga moral de tentar inculcar e defender o galego para que o estudantado se converta, no seu futuro profesional, nunha peza clave para o avance do noso idioma.
Estudaches na USC e agora chegaches a decano. Mudou moito a situación do galego na Facultadedesde que chegaches até hoxe?
Si. Onde mudou foi no alumnado, xa que a nivel docente mantémonos nas mesmas porcentaxes. Na época en que eu cheguei á Facultade, viña dun contexto no bacharelato no que eu era o único que me expresaba habitualmente en galego e sentíame un pouco como un bicho raro. Ao entrar na Universidade vin que había moita xente na miña mesma situación e que todo o mundo falaba galego, incluídos os profesores. Para min iso foi unha panacea, algo marabilloso. A medida que foron pasando os anos, fun detectando, como profesor, unha serie de problemas. Por exemplo, o volume de traballos escritos ou audiovisuais que se nos presentan en galego reduciuse sensiblemente a favor do castelán. Isto preocúpame, xa que estamos a ver como o contexto do que antes che falaba, o caldo de cultivo próximo ao ideal cun 80%, non consegue que o estudantado fale galego máis alá desa clase na que o profesor lle fala na lingua.
Hoxe en día como cres que reacciona un estudante diante destas porcentaxe de uso do galego na docencia?
Aínda que é difícil xeneralizar, supoño que haberá sorpresas e decepcións. Algúns virán pensando que isto está moito mellor do que en realidade está e outros que opinarán aquí hai un complot galegofalante para aniquilar o castelán. Agora ben, nunca tivemos, que eu sexa consciente, ningunha reclamación por escrito. Coido que nunca demos sensación de imposición. O alumnado atoparase nun contexto galegofalante e verá unha clara defensa do idioma, pero nunca o sentirá como algo imposto.
Este é un centro con moito estudante de intercambio. Como se integra, neste contexto, os estudantes de fóra?
Nós seguimos as recomendacións da Vicerreitoría de Relacións Internacionais. Celebramos unha xornada de acollida, onde lles explicamos que temos unha lingua propia e que boa parte do profesorado a utiliza nas súas clases. Suxerímoslle que para calquera dúbida lle consulten ao docente, que no horario de titorías sempre ha estar disposto a botarlles unha man na aprendizaxe. Nunca tivemos ningunha queixa por parte de ningún alumno ou alumna de fóra por temas relacionados coa lingua. O único caso que lembro é que despois dun exame unha estudante de Canarias se laiou de que non entendía os apuntamentos por estaren en galego. Pero antes da proba nunca manifestara dificultade ningunha.
Este ambiente de normalidade galegofalante axuda a que os estudantes lle teñan máis apego á lingua?
Si. No momento en que somos quen de crear un contexto de normalidade, as persoas séntense cómodas falando galego. Isto repercute especialmente naqueles mozos e mozas que queren ser recoñecidos e respectados como galegofalantes, ou naqueles que empregan a nosa lingua nun contexto familiar pero fóra del optan, presionados, polo castelán. Aquí creamos un caldo de cultivo no que promovemos que o galego se utilice con toda a comodidade do mundo e que se converta en algo que o estudante, cando remate a súa formación, siga utilizando en todos os contextos que estime oportuno. Nós agardamos que sexan todos.
Iso repercute na vida profesional?
Eu creo que si.
Pero o uso do galego nos medios é moi baixo.
Pero é maior que hai dez anos. Eu entendo que algo bo estaremos a facer. Agora é raro atopar un medio que nunha entrevista traduza a lingua do entrevistado. Hai unha década era máis habitual. Pouco a pouco vaise avanzando, non é unha panacea pero vanse pondo pedriñas.
Para que aumente o uso do galego nos medios de comunicación que ten que mudar, as actitudes dos profesionais ou dos directivos?
Eses dous e máis a audiencia. Ten que mudar a actitude dos profesionais, asumindo un maior compromiso. Ten que mudar a actitude dos responsables do medio, que son os que toman a última decisión. E ten que mudar a recepción da información. Moitas veces as direccións dos medios poñen como escusa para non utilizaren o galego que a audiencia é castelanfante. Este é un discurso empresarialmente aceptable, pero a comunicación, como industria cultural, ten que ir máis alá e asumir un compromiso social. Eu non digo que eses medios pasen a escribir todo galego, iso non vai acontecer, pero tampouco pasaría nada se incluísen máis información na nosa lingua alén da sección de cultura. Iso é recluír o galego nun ámbito, cando o idioma está en todas as partes: na ciencia, na cultura, na política, na docencia...
Como decano, cales son as propostas que tes para frear a baixada de galegofalantes na Facultade?
De entrada, activar a Comisión de Normalización Lingüística. A través dela coido que se pode crear un caldo de ideas que nos permitan camiñar cara ao obxectivo dunha maior galeguización do estudantado e gustaríame contar coa participación activa deste sector. Para iso darémoslle máis publicidade ás axudas, concursos e premios que incentivan o uso da lingua. Por último, cómpre crear unha serie de espazos nos que se reflexione sobre a importancia de non perder a lingua. As iniciativas neste eido poden ir desde charlas con persoas con reputado prestixio que tiveron problemas noutras partes e aquí o foron resolvendo, ou mesmo que veñen de lugares onde non hai un problema lingüístico, como Suíza, onde se falan varios idiomas e non pasa nada. Con estes exemplos pódese provocar o debate para vermos que falar galego é importante, porque é patrimonio noso e só existe nesta parte do mundo, e só se mantén usándoo todos os días.
Duarte Romero Varela
Mércores, 25 de novembro de 2009