Novas recentes

Novos textos legais na nosa lingua

Unha das conclusións do «Relatorio sobre a aplicación para a lingua galega da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no ámbito da Xustiza», feito polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos, é que os órganos xurisdicionais que se comprometen a empregar o galego teñen dificultades técnicas engadidas (bases de dados de xurisprudencia e textos normativos en castelán; atraso na publicación das versións galegas das novidades lexislativas do BOE; imposibilidade de incorporar as referencias ao texto da resolución cunha simple operación de copiado-colado...). A mesma pexa padecen os profesores e profesoras universitarios, así como o alumnado de Dereito, á hora de explicar e traballar as súas materias.

 
Por iso son de salientar os avances que se poidan producir neste eido. O Boletín Oficial do Estado está a publicar dentro da súa colección Textos legais as versións en galego das principais normas. Deste xeito, docentes e estudantes, así como outros profesionais, poderán dispor de manuais en galego con todo o valor legal e todas as garantías xurídicas.
 
Estes volumes pódense mercar a través da tenda virtual do BOE, aínda que non resulta doado localizar alí directamente as versións en galego (se cadra é máis efectivo facer unha busca de «versión galega» con dominio restrinxido <tienda.boe.es>). Arestora están dispoñibles os títulos: 
 
 
Lembramos que as normas con rango de lei (leis, reais decretos-lei e reais decretos lexislativos) contan cunha versión galega facilmente accesible a través de Internet, dende 1998, a cal se pode facer valer perante os tribunais con plenas garantías da súa legalidade xurídica, aínda que padecen un pequeno atraso con respecto á publicación da versión en castelán. 
 
Precisamente o Consejo de las Lenguas Oficiales en la Administración General del Estado, na súa xuntanza de constitución en xaneiro de 2008, referiuse á necesidade de reducir drasticamente o tempo empregado en traducir e publicar para outras linguas cooficiais as disposicións legais do Estado, naquelas comunidades autónomas que teñen subscritos convenios co BOE para a publicación das leis noutras linguas.
 
 

 

Venres, 30 de outubro de 2009