Novas recentes

Nova versión de bUSCatermos

Entraches estes últimos días en bUSCatermos e deuche a sensación de que as consultas van máis rápidas ca antes? Pois atinaches, pero non é cousa da túa conexión, senón da nova estrutura que implantamos nesta base de datos, e que permite a entrega da información con bastante máis rapidez.

Pero este cambio estrutural achega tamén novidades máis substanciosas e querémoschas presentar a continuación (ou míraas por ti mesmo dando un paseo pola aplicación). Pero antes, un pouco de contexto para despistadas/dos.

bUSCatermos é desde o ano 2005 a nosa principal ferramenta de difusión de terminoloxía técnica en galego e noutras linguas. Entre esa data e 2012 só a comunidade universitaria da USC podía acceder a ela; pero a partir de outubro dese ano a súa consulta é libre e gratuíta a través de internet, ben usando un navegador, aplicacións móbiles para Android e iOS ou un complemento para Firefox

Trátase dun buscador conectado a unha base de datos que acolle máis de 166.000 rexistros e aproximadamente medio millón de denominacións, das cales unhas 200.000 son en galego, e que ten máis de 100.000 páxinas vistas por ano.

Este importante nivel de uso obríganos a ser cada vez máis áxiles á hora de engadir información nova e de actualizar, completar e mellorar a xa existente. E para poder facer iso, acabamos de realizar a terceira gran remodelación de bUSCatermos.

Desde o punto de vista gráfico, os cambios foron mínimos: a interface segue apostando polo minimalismo e por ofrecer os contidos imprescindibles para facilitar o proceso de consulta (a caixa de busca, un par de botóns que ligan coa Axuda e as Novas e pouco máis).

Pero onde hai novidades relevantes é no deseño da base de datos e na forma en que recolle e estrutura a información: son estes cambios os que permiten que as usuarias e usuarios obteñan a información con máis rapidez e dispoñan dun volume de información moito maior para cada concepto, así como dunha descrición moito máis individualizada e detallada para cada unha das denominacións.

Se nos fixamos, por exemplo, no rexistro pita do monte vemos que se compón de dous grandes bloques de información:

  • un primeiro que se centra no concepto (definición, clasificación temática, información noutras fontes...)
  • un segundo que describe os nomes que recibe en diferentes linguas, amais de información gramatical e de uso específica para cada un deses nomes.

Rexistro pita do monte

A gran novidade desta nova versión de bUSCatermos é a incorporación dunha terceira capa de información, específica para cada unha das linguas, á que se accede premendo sobre os códigos de idioma que aparecen debaixo das Equivalencias.

 

Así, podemos ver que cada un dos nomes galegos ten unha valoración propia (o número de estrelas), indícase en que dicionarios galegos se recomenda, formas que debemos evitar, etc. E o mesmo para os nomes noutros idiomas.

 

E tamén introducimos melloras na vertente "social" de bUSCatermos.

  • Redeseñamos o formulario de suxestións (ao que se accede a través da sección "Opina") para poder recibir e responder con maior rapidez e axilidade os comentarios e as recomendacións dos usuarios e usuarias.
  • Implementamos a funcionalidade de "Compartir ficha", que permite copiar e compartir unha ligazón que remite especificamente a un rexistro de bUSCatermos, algo que ata o de agora non se podía facer.

 

En resumo... un bUSCatermos máis limpo, máis profundo e máis interactivo. Nunha palabra... un bUSCatermos mellor.

XUSTO A. RODRIGUEZ RIO

Xoves, 23 de maio de 2019