Novas recentes
As linguas dos TFG e TFM de 2020
Martes, 04 de maio de 2021
Tese en galego? Por que non?
Martes, 27 de abril de 2021
XVII Premios á calidade lingüística
Martes, 27 de abril de 2021
Terminoloxía con formatos visuais
Martes, 27 de abril de 2021
Pasen e concursen (en Filoloxía, Xeografía e Historia, e Química)
Martes, 27 de abril de 2021
As linguas da docencia da USC
Luns, 22 de febreiro de 2021
Novo Plan de Accións de Normalización Lingüística 2020-2022
Luns, 22 de febreiro de 2021
As vacinas, en 125 termos esenciais
Luns, 22 de febreiro de 2021
A quen recoñecerá o IV Premio “Luis Porteiro Garea “?
Venres, 19 de febreiro de 2021
Grande interese polo Curso de Habilidades Comunicativas
Venres, 19 de febreiro de 2021
Dereitos lingüísticos e galeguización de software libre, nos cursos de verán da USC
«Témoslle lei: O galego no Dereito»
Un dos cursos de verán cuxo eixe transversal é a nosa lingua desenvolverase os días 12-13 e 14 de setembro, enmarcado dentro da campaña da Facultade de Dereito «Témoslle lei» baixo o título «O galego no Dereito». Trátase dun curso de 25 horas, dirixido pola profesora Alba Nogueira, que, coas intervencións de recoñecidos expertos, xira arredor dos dereitos lingüísticos da cidadanía dende diferentes perspectivas. É esa diversidade de enfoques o que fai recomendable o curso a estudantes de Dereito e de Ciencias Políticas e da Administración; profesionais e especialistas no ámbito das políticas lingüísticas (xuristas, sociolingüistas, técnicos das administracións, filólogos, sociólogos, politólogos...) ou membros de colectivos e asociacións en materia de lingua e normalización.
Carles Viver Pi-Sunyer, que foi vicepresidente do Tribunal Constitucional, explicará a xurisprudencia de carácter lingüístico que foi creando este Tribunal e que forma o nivel superior do marco xurídico que garante os dereitos lingüísticos no Estado. Alba Nogueira introducirá a cuestión de como o recoñecemento de dereitos lingüísticos para a cidadanía crea deberes lingüísticos nas diversas administracións e organismos públicos que prestan servizos públicos e mesmo en entidades de carácter privado, aspectos nos que afondarán o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela, en relación á Administración de Xustiza, Iñaki Lasagabaster, en relación á protección dos dereitos lingüísticos e mais Marcos Almeida Cerreda, sobre os dereitos e deberes dos empregados públicos. Como interpretar as leis que non teñen desenvolvemento sobre dereitos e deberes lingüísticos correspóndelle a Xesús Costas.
O outro eixo temático do programa constitúeno as obrigas de normalización das administracións públicas que derivan da lexislación. Despexar o ambiente de prexuízos contrarios á normalización vai ser tarefa de Manuel Núñez Singala e Isabel Vaquero Quintela; despexar as dúbidas sobre o que significa na práctica a dobre cooficialidade, tocaralles a Evaristo Nogueira e Xaquín Monteagudo; exemplificar a normalización dunha administración ou das oficinas xudiciais correrá pola conta de Daniel Romero e Antonio López, e de Luís Villares e Dalila Dopazo, respectivamente.
A inscrición nestas xornadas é de 40 euros para estudantes de calquera universidade ou curso de formación profesional, desempregados, PDI e PAS da USC, e de 70 euros para público en xeral que non posúa estas condicións. Malia que o prazo de matrícula remata o 2 de setembro, o 22 de xullo decidirase sobre o mantemento do curso en función das inscricións realizadas.
Ademais do correspondente diploma de asistencia, co curso recoñécese 1 crédito de libre configuración, aos estudantes de diplomaturas, licenciaturas e enxeñarías, e 2 créditos para estudantes das titulacións de grao.
«Como aprender a localizar aplicativos ao galego»
O primeiro dos cursos, «Como aprender a localizar aplicativos ao galego», trata o que xa é un tema habitual nestas citas de verán da USC e que é mostra da actividade intensa que a comunidade de software libre ten en Galicia e en galego. O curso, de 16 horas lectivas, desenvolverase do 5 ao 8 de setembro na facultade de Dereito. Os obradoiros, en horario de tarde todos eles, tratarán de introducir no mundo do software aberto e da localización ao galego a todos e todas as participantes ao longo destes catro días.
O curso de verán servirá para dar os primeiros pasos no mundo da localización, dando a coñecer os aplicativos libres máis importantes, os diferentes recursos, formando aos asistentes para enfrontarse a unha tradución, ensinando onde atopar axuda e como contactar co resto da comunidade galega de localización. Porén, os réditos destes cursos non rematan coa propia actividade. Unha vez adquiridos os coñecementos e a soltura coa localización de software libre, un pode continuar traballando e localizando coa comunidade galega, contribuíndo así á normalización da nosa lingua na rede.
O curso está moi especialmente a alumnos e ex alumnos de Filoloxía e Informática e a todos aqueles interesados en Internet e nas novas tecnoloxías.
MIGUEL RODRÍGUEZ FERNANDEZ
Xoves, 30 de xuño de 2011