Novas recentes

4 de novembro, Día da ciencia en galego

O vindeiro 4 de novembro chega á súa segunda edición o Día da Ciencia en Galego. A celebración convócase co ánimo de combater prexuízos e vellos mitos –como o que acouta o galego ás humanidades–, reafirmando a vontade de normalización da nosa lingua na ciencia, xa que se trata dun dos ámbitos irrenunciables de desenvolvemento da cultura e, tamén, dun espazo con relevancia simbólica pola prestixiosa consideración social das ciencias.

Neste proceso de naturalización da lingua en ámbitos como a divulgación científica, encadramos as accións que para esta segunda edición do Día da Ciencia en Galego se desenvolvan na nosa Universidade. Conferencias, charlas sobre as liñas de investigación que se desenvolven nos centros, táboas redondas sobre a situación do galego na actividade docente, investigadora e divulgadora no mundo científico, obradoiros didácticos, documentais subtitulados ao galego, exposicións e centros de interese, reparto de vocabularios e táboas periódicas, concursos... Serán en total vinte e dúas as actividades que se organizan arredor do día 4 de novembro en oito centros universitarios, con asistencia e participación libre. Pódese consultar o programa de actividades na web e no Facebook.

Non é esta a primeira vez que a USC se suma á celebración do Día da ciencia en galego. No ano 2010 a campaña En galego tamén se fai ciencia, das tres universidades galegas, permitiu ao público achegarse aos testemuños de científicas e científicos galegos. Investigadoras e investigadores galegos que  traballan en diferentes latitudes e especialidades fixéronse oír nun mesmo idioma, o noso, e partillaron as súas reflexións sobre a posibilidade de facer ciencia na nosa lingua .

En efecto, a efeméride pode axudarnos a pór o pé na estribeira e revisar o status e as funcións da lingua nas titulacións de ciencias da USC, cunha óptica crítica, capaz de recoñecer as feblezas e albiscar as oportunidades. Entre as primeiras, cabe sinalar a presión exercida polo inglés, baseada no feito de ser o idioma vehicular por excelencia das publicacións especializadas. Esta particularidade, entre outras, crea un prexuízo a favor del, que unido aos superiores niveis de uso do castelán por inercia e tradición, minimiza a presenza da lingua galega. Só así se entende que unha ollada detida a algunhas titulacións de ciencias, especialmente as relacionadas con Ciencias da Saúde, poida devolvernos datos de uso do galego por baixo da media total da USC, que se sitúa no 28,71%.

Mudando de contexto e franxa de idade, o Día da ciencia en galego tamén se festexa en centros de ensino primario e secundario, e tamén a USC colabora, por segundo ano consecutivo, co desenvolvemento de actividades en medio cento de centros galegos destes niveis de ensino. As videoconferencias, medio de comunicación atractivo e dinámico, serán un dos pratos fortes neses niveis educativos, grazas ao apoio técnico da Área TIC da USC e á participación entusiasta dos nosos docentes. Máis de 2300 estudantes de primaria terá a posibilidade de parolar, a partir das 10:00, coa directora do Museo de Historia Natural «Luis Iglesias», a profesora de Botánica M.ª Isabel Fraga Vila, e coñecer os segredos do museo e da fauna e flora galegas; mentres que máis de 3600 mozas e mozos de secundaria escoitarán e interrogarán virtualmente a partir das 12:30 o catedrático Ángel Carracedo, sobre  «Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial». Ambas as conferencias poderanse seguir tamén dende a USC.

Regalemos, pois, os ollos cara aos satélites, mergullémonos nos experimentos, formatemos paradigmas abertos ao galego… faremos boas sopas de ciencias!

ALBA CID FERNÁNDEZ

Venres, 04 de novembro de 2011