Novas recentes

III Xornadas «Educación e linguas en Galicia»

Aínda que os estudos sociolingüísticos realizados nos pasados anos 90 parecían presaxiar a paseniña desaparición das actitudes negativas cara á nosa lingua, o certo é que estudos posteriores, máis cualitativos, como O galego segundo a mocidade ou Falar galego, no veo por qué, alertaron da fortaleza dos vellos e novos prexuízos lingüísticos como a asociación entre galego e atraso, galego e política ou políticas normalizadoras e imposición. Os resultados dos estudos víronse desgraciadamente confirmados nos últimos anos coa aparición de grupúsculos que atoparon amplo eco nos medios de comunicación e nos partidos políticos, e demóstranse acotío en declaracións realizadas a bombo e prato.

A este clima prexuizoso non é alleo o mundo da educación e todos os axentes que nel interactúan: alumnado, profesorado, nais e pais... Malamente os docentes de infantil, primaria e secundaria van poder reconducir este tipo de actitudes e desactivar prexuízos con argumentos e con experiencias  motivadoras nos rapaces e rapazas (un dos obxectivos actitudinais destes niveis de ensino), se tamén as padecen.

Precisamente este é o obxectivo central destas III Xornadas «Educación e linguas en Galicia»: aprender a localizar as ideas preconcibidas negativas que poidamos ter sobre os falantes da nosa lingua (de calquera lingua) e adquirir argumentos e ideas para poder axudar a reconducilas.

Máis concretamente, os obxectivos desta nova edición son:

  • Recoñecer a existencia de prexuízos lingüísticos na sociedade galega e no ensino e nos futuros ensinantes en particular.
  • Axudar a reflexionar sobre os prexuízos lingüísticos aos futuros docentes.
  • Aprender a identificar, previr e corrixir prexuízos lingüísticos dende unha óptica de igualdade das linguas.
  • Coñecer experiencias positivas de traballo contra os prexuízos. lingüísticos tanto de Galicia como doutras comunidades.

O programa desta terceira edición das xornadas, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) os vindeiros 25 e 26 de novembro, principiarán cunha conferencia introdutoria sobre as simplificacións verbo da lingua galega, a cargo de Manuel C. Núñez Singala, director do SNL e autor de En galego, por que non?. A seguir, utilizarse unha metodoloxía plenamente participativa, a través de pequenos grupos de traballo que se desenvolverán en paralelo para poñer de manifesto os prexuízos lingüísticos que existen na sociedade e que afectan de xeito particular ao mundo do ensino, clasificalos e aprender a desmontalos.

As xornadas completaranse con dúas táboas redondas tituladas  «En galego, sen complexos», onde diversas experiencias exitosas de empresas (R), institucións (Concello de Vigo), equipos de dinamización lingüística (CENDL) e educadoras e educadores sociais, por unha banda, así como o exemplo de persoeiros de diferentes ámbitos como Xurxo Souto, Belén Regueira, Jorge Mira ou Javier Gómez Noya, insistirán na superación de vellos mitos pexorativos sobre o galego e as persoas que o falan.

Finalmente, os profesores cataláns Artur Noguerol e Rosa Maria Ramírez Palau rebaterán unha crenza que se está a impoñer nos últimos tempos a propósito do coñecemento de idiomas: a idea de que aprender outras linguas implica esquecer a propia ou reducila a un lugar menor.

A matrícula estará aberta ata o 20 de novembro, e é de balde. Ademais do diploma de asistencia ás persoas matriculadas que acrediten a súa presenza (haberá control de asistencia), os estudantes de todas as titulacións da USC poderán obter un crédito de libre configuración (que está solicitado), para o cal deberán  entregar unha memoria coas súas reflexións. 
 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 04 de novembro de 2011