Novas recentes

Maior pulo á colección de unidades didácticas da USC

Segundo a proposta para potenciar a colección aprobada pola Comisión Editorial Académica da USC, a publicación en «UD. Unidades didácticas» é o resultado final da asistencia aos «Obradoiros de elaboración de unidades didácticas» organizados polo Programa de Formación e Innovación Docente e o Servizo de Normalización Lingüística, e máis da continuación dese traballo no marco dun proxecto docente.

Calquera membro do PDI que teña ao seu cargo a docencia de, cando menos, unha materia de grao ou posgrao e que realizara o antedito Obradoiro, poderá publicar as súas unidades didácticas no marco dun proxecto docente. Deste xeito, un profesor ou profesora, ao remate do Obradoiro, contará cun plan a medio prazo de elaboración e publicación de materias didácticos dunha materia, cos coñecementos necesarios para elaboralos e cos recursos óptimos da USC (metodoloxía, modelos, asesoramento didáctico, lingüístico, comunicacional e editorial) para apoialo.

Dado que entre os obxectivos da colección figuran os de promover o uso público de contidos creados na USC e coidar dos dereitos do autor, estes materiais publicaranse no repositorio dixital de contidos da USC baixo algunha das seis licenzas Creative Commons, que aseguran asemade o uso público de contidos e os dereitos de autor orixinais. Deste xeito, poderase acceder ás unidades didácticas, descargalas e/ou imprimilas, incluída a modalidade de impresión dixital que garanta a súa calidade. Alumnado propio, docentes doutras materias que poidan estar interesados ou alumnado alleo veranse favorecidos coa meirande difusión desta colección, que ata agora só está dispoñible a través do web do Servizo de Normalización Lingüística.

Os autores/as recibirán 10 exemplares en papel, impresos a partir da edición electrónica, así como unha copia en formato dixital que poderán usar libremente, incluído na aula virtual, e actualizala.

A colección manterá as súas características de deseño -ás que se teñen que axustar os orixinais que se presenten- así como a inclusión do ISBN da USC, pois con ela preténdese mellorar a calidade formal dos materiais didácticos que se utilizan na USC e favorecer o recoñecemento do esforzo que supón elaboralos. Tamén seguirá sendo unha colección en lingua galega, para contribuír á extensión do noso idioma na docencia universitaria.
 

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Venres, 29 de abril de 2011