Novas recentes

Candidaturas, programas e política lingüística

Como cada catro anos, chegan as eleccións. Non son as xerais, nin as autonómicas, nin tampouco as municipais. O que se escolle desta volta é o reitor ou reitora da Universidade de Santiago de Compostela. Estes comicios son os máis disputados da historia da USC xa que son sete as candidaturas presentadas para ocupar San Xerome.

N´O Cartafol quixémoslle botar un ollo aos diferentes programas electorais que se foron desvelando nas últimas semanas para facer unha compilación do que os diferente reitorables pensan facer a respecto da normalización da nosa lingua. Nós pechamos o repaso o día 27 de abril.

A primeira por orde alfabética é a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo. No seu programa conta cun apartado específico dedicado ao galego, sendo a renovación do Plan de Normalización Lingüística o primeiro reto que se fixa. Para esta candidata “é preciso facer unha reflexión sobre cal é a situación real do galego, sobre cales dos obxectivos do Plan non se acadaron e cales foron as razóns de elo”. Como medidas concretas propón a elaboración dun estudo sobre a situación da nosa lingua en todos os estamentos da USC e a actualización do Regulamento de uso do galego. Tamén aposta por “desenvolver novas accións que incentiven o uso da lingua en diferentes ámbitos”, concretándose isto a través de accións como a posibilidade de dar acceso aberto ao bUSCatermos ou pular por que en todos os departamentos haxa algunha materia que se imparta en galego. 

A seguinte da lista é a catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea. No seu programa o galego relaciónase cun dos eixos de traballo para proxectar o Campus Vida fóra de Galicia, a través da promoción internacional das dúas linguas oficias na comunidade.

Juan José Casares Long, catedrático de Enxeñería Química, tamén introduce brevemente o idioma do país no seu programa de goberno ao presentar como obxectivo na implantación dos novos graos “o fortalecemento do emprego do galego como lingua vehicular da universidade”.

Na declaración de principios do candidato Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, faise fincapé en que o seu é un proxecto comprometido “co país, a súa lingua e a súa cultura universais”. Neste sentido, aposta polo desenvolvemento do Plan de Normalización Lingüística aprobado polo Claustro e pon en valor as potencialidades do galego no mundo lusófono.

O catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular Jaime Gómez Márquez sinala no seu programa que “galego e castelán conviven na actualidade sen maiores problemas”. Porén, matiza que aínda que apoia a lingua do país como “vehículo de expresión institucional da USC”, para que a Universidade teña vocación universal cómpre empregar o castelán e mais o inglés. Por último remata coa afirmación de que “hai que respectar os dereitos de todas as persoas e a súa liberdade”.

A catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón presenta no seu programa electoral un punto específico dedicado á cuestión da lingua. Pon en valor a oportunidade que supón para a Universidade e para o conxunto da cidadanía o feito de que na nosa comunidade se falen dous idiomas, así como as potencialidades que achega a proximidade do galego ao portugués. Sinala que a comunicación externa da USC faise principalmente na lingua propia pero critica a escasa implantación que ten na docencia. Para corrixir esta situación propón “a incorporación do galego na docencia de forma voluntaria mediante contratos-programa” apoiando este proceso con programas de “formación do profesorado”.

O derradeiro candidato é Juan Varela Durán, catedrático de Anatomía Patolóxica. Define o seu proxecto como “galeguista” e sinala que a USC “sempre mantivo vivos os valores do galego”. Como medida máis concreta comprométese a “promocionar e defender a nosa lingua e cultura” a través da “promoción, difusión e produción cultural, artística e deportiva nos Campus de Lugo e Santiago”.

DUARTE ROMERO VARELA

Mércores, 28 de abril de 2010