O gaélico irlandés e o gaélico escocés son as linguas tradicionais de Irlanda e Escocia, e gozan dunha saúde precaria. Porén, comezan a darse pasos para mellorar a súa situación: o novo acordo entre os gobernos de Irlanda e Gran Bretaña, apoiada por unionistas e Sinn Féin, augura grandes avances para a oficialización da lingua irlandesa nos seis condados do norte baixo soberanía británica. E nas Hébridas Exteriores, de Escocia, os nenos serán inscritos por defecto no sistema de educación en lingua gaélica a non ser que os pais e nais opten explicitamente porque o sexa en inglés. Ata agora era xustamente o contrario, cando as Hébridas Exteriores teñen a maior proporción de gaélico-falantes (52%).

Calquera vulneración de dereitos é, de seu, inxusta, pero se a persoa maltratada é un neno, ademais é indignante. Unha pediatra do Hospital Álvaro Cunqueiro pediulle a un rapaz de sete anos que cambiase de lingua, que non o entendía. É indignante porque o fixo de malas maneiras. É indignante que unha persoa se vexa obrigada a prescindir da súa lingua, que non é unha lingua calquera, senón a propia e oficial dese territorio, porque un empregado público non a entende. É indignante porque non se establece o requisito de, sequera, entender o galego para as súas contratacións de persoal sanitario, precisamente para evitar situacións coma esta. É indignante porque non se fomenta a sensibilidade polos dereitos lingüísticos nin conciencia de que dirixirse á paciente no seu propio idioma ten implicacións no acto médico.