Novas recentes

Terminoloxía con formatos visuais

“A palabra exacta”, “técnico & popular” e “BIOtermos” son tres iniciativas de divulgación de terminoloxía nos eidos da economía e a empresa, a medicina e a bioloxía, baseadas na utilización de imaxes e no seu espallamento a través das redes sociais. A elas cómpre unir o concurso “Foto-termos”.

a palabra exacta

A CNL de Económicas leva dende inicios de febreiro publicando unha entrega quincenal de “A palabra exacta”, iniciativa que pretende divulgar as formas correctas da terminoloxía básica da área. Grandes imaxes representativas do concepto inclúen o termo correcto a gran tamaño (investimento, mostraxe, estatística...), sinalado cun v verde validante, e co termo incorrecto que se adoita usar (*inversión, *mostreo, *estadística), marcado cun x vermello invalidante.

Esta proposta visual estase espallando entre o PDI e o alumnado do centro a través das redes sociais da facultade en Twitter, Facebook, e Linkedin, así como a través do Facebook e do Instagram do Servizo de Normalización Lingüística, que se encarga do apoio técnico. Tamén se divulga de maneira máis tradicional na Facultade de Económicas mediante pósters co termo da correspondente quincena visibles en varios puntos da contorna das aulas. A final de ano publicarase en formato dixital un compendio das palabras exactas publicadas.



técnico & popular

O alumnado de Medicina estuda os seus últimos anos de carreira en hospitais e fai prácticas en todo tipo de centros de saúde. Teñen que aprender a realizar diagnósticos, entre outros obxectivos, contactando directamente cos doentes e coñecendo os seus síntomas. A empatía e unha boa comunicación son vitais, e aquí entran aspectos lingüísticos, desde adaptarse ao idioma das persoas usuarias ata comprender ben as expresións, moitas veces populares, que utilizan para describir o que lles ocorre.

“técnico & popular” é unha iniciativa da CNL de Medicina para dar a coñecer entre o alumnado desta titulación expresións populares galegas para referirse aos síntomas que senten: ter formigas, non ter solás, ter os ósos picados, dar(me) unha volta... acompañadas do tecnicismo correspondente: parestesias, ansiedade, metástase ósea, mareo... “Enténdote, logo diagnostico” é o subtítulo que explica o obxectivo da actuación. Como soporte utiliza imaxes xenéricas, relacionadas co concepto manexado, ás que se lle aplica un baño de cor e que se moven polo Twitter e o Instagram do grupo do alumnado Medicina en Galego así como polos perfís do SNL (de novo, no apoio técnico) nesa mesma rede e no Facebook.

Tamén neste caso se pretende a final de ano publicar en formato dixital un compendio das expresións publicadas, na que figurarán todas as persoas que colaboraron na elección de termos e expresións populares, dende o alumnado que alentou e lle deu forma á iniciativa a iniciativa, ata o profesorado de Medicina que os forneceu.



BIOtermos

A última en unirse a este carro de propostas imago-terminolóxicas foi a Comisión de Normalización Lingüística de Bioloxía, que impulsa BIOtermos, coa que se divulgará semanalmente termos en galego relacionados coa bioloxía e a biotecnoloxía nas redes sociais da Facultade (Instagram e Facebook), así como nas anteditas do SNL, que, como é habitual, se encarga do apoio técnico. Neste caso, créanse imaxes con bioRENDER, unha aplicación especializada para crear imaxes profesionais sobre ciencia, ademais de utilizar imaxes libres de dereitos.  

BIOTERMOS, ademais de visualizar terminoloxía galega da bioloxía, contribúe a divulgar a existencia de bUSCatermos, a base de datos terminolóxica multilingüe da USC, onde se pode atopar a definición e os termos equivalentes noutros idiomas, así como as fontes de onde están tirados (dicionarios, léxicos, outras bases de datos...) e unha valoración da fiabilidade da solución galega. Deste xeito, ademais da referencia ao bUSCatermos en cada imaxe, as entradas nas redes sociais inclúen un fragmento da definición e unha ligazón curta á ficha correspondente en bUSCatermos.

A iniciativa púxose en marcha con alcol-alcohol, segue publicando BIOtermos ata finais de curso (fendedura sináptica, medula espiñal, unión de ancoraxe...) e reanudarase o vindeiro.


Martes, 27 de abril de 2021