Vés de fóra de Galicia? Temos cursos de galego para ti

O 7 de febreiro comeza o segundo semestre de todos os cursos de linguas do Centro de Linguas Modernas da USC: alemán, catalán, francés, italiano, portugués. Tamén galego para non galegofalantes, para o cal aínda tes ata o 4 de febreiro para matricularte se estudas no Campus de Santiago.

O Curso de galego para non galegofalantes diríxese a todas as persoas que veñen estudar ou traballar á USC dende fóra de Galicia. Esta actividade formativa organízase dende 1996 e dende aquela máis de 1500 estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo (Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia) levan aprendido os rudimentos do noso idioma, logo de se decataren de que aquí se fala galego, dentro e fóra da Universidade: entre os novos amigos e compañeiros, nas tendas, nos bares, na tele... ou nas aulas. É moi conveniente afacerse a el, comprendelo (o que resulta moi doado coñecendo algunha outra lingua románica) e mesmo chapurrealo un pouco.

Os cursos para non galegofalantes son cursos de iniciación que corresponden ao nivel A1 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Ofrécense dous, en Santiago, con cadansúas 20 prazas: un de nivel A1.1 e outro de nivel A1.2 para quen xa fixo o  nivel inicial o cuadrimestre pasado.

Constan de 40 horas presenciais e dez de traballo autónomo tutelado, e permiten un número máximo de 8 horas de falta de asistencia. Desenvolverase na Aula de Idiomas situada na Facultade de Filosofía, o curso do nivel A1.1 os martes e os xoves de 10:30 a 12:00 e o curso do nivel A1.2 os luns e os mércores co mesmo horario. Comezarán a principios de febreiro (o 4 e o 3 dese mes) e rematarán a mediados de maio.

Outras actividades para aprender galego

O CLM dispón, ademais, da posibilidade de aprender galego, dun xeito máis informal e de outubro a maio, mediante os támdem lingüísticos, que facilita o intercambio cultural e lingüístico para a integración na vida universitaria santiaguesa dos alumnos que chegan ás nosas aulas (incoming), á vez que supón unha oportunidade de encontro dos estudantes da USC que pretenden estudar noutra universidade estranxeira (outgoing), e os cafés de linguas, que no caso do galego é mércores de 19:30 a 20:30 na Biblioteca Concepción Arenal.

Así mesmo cómpre lembrar que a Área de Filoloxía Catalá da USC en colaboración co CLM, desenvolve entre novembro e maio PARELLAES, un programa académico de intercambio lingüístico e cultural catalán-galego/galego-catalán entre alumnos da universidade que falen galego ou catalán e desexen aprender, practicar ou mellorar a outra lingua, que se desenvolve de novembro a maio.

Xoves, 30 de xaneiro de 2020