Cambia a túa mirada. Campaña de sensibilización lingüística en Veterinaria

Máis do 60% dos novos estudantes que cada ano acceden á Facultade de Veterinaria proceden de fóra de Galicia e, nalgúns casos, traen prexuízos sobre a cidade e sobre o galego. "Cambia a túa mirada"é unha campaña de dinamización para contribuír a transformar esas opinións previas en actitudes positivas.

Veterinaria é un centro singular na USC: máis do 60% dos 110-115 alumnos que cada curso acceden ao primeiro curso de Veterinaria proceden doutras provincias españolas e non coñecen a lingua galega. Na Facultade de Medicina, que é outro dos centros da USC que máis alumnado recibe de fóra de Galicia, a porcentaxe de estudantes non galegos sitúase arredor do 30%.

Ademais de non coñeceren a lingua galega, a falta de información sobre Lugo entre o estudantado e, sobre todo, as características físicas da cidade (tamaño, situación e acceso, tempo... pensemos que hai estudantes que chegan dende Almería e que os desprazamentos entre a súa residencia e Lugo poden levar dous días e custos importantes), adoitan crear prexuízos culturais e lingüísticos no alumnado que ás veces saltan nas relacións cotiás entre eles.

Por outra banda, un peso tan grande do alumnado non galego acaba tendo as súas consecuencias entre o profesorado, que usa menos o galego do que ás veces lle gustaría, e ambos os colectivos no alumnado de Galicia, que, por unha banda, recibe unha discreta porcentaxe de docencia en galego e, por outra, se sente obrigado a cambiar de lingua –se falaban galego- ou pouco motivado a usala, co cal en moitas ocasións a titulación é un factor desgaleguizador precisamente nunha profesión con moito contacto co rural e con galegofalantes.

Xa que logo, a campaña Cambia a túa mirada artellouse para poñer en valor, de xeito divertido e desenfadado, a Facultade de Veterinaria e Lugo, e para que o alumnado supere os posibles prexuízos. O obxectivo: cambia a túa mirada respecto a Lugo e ao galego. O leit-motiv: a gratificante experiencia de alumnas/os de cursos superiores e ex-alumnos/as, así como amosar a realidade que vive no centro o alumnado galegofalante.

Son varias as accións que se desenvolveron, entre os que destacan o curso de lingua galega para non galegofalantes totalmente adaptado ás necesidades do alumnado de 1º curso; o reparto de material e vocabularios específicos; a difusión de cartelaría e folletos de sensibilización; a difusión de pequenos vídeos en que alumnos e ex-alumnos (Mario, Iris, Andrea, Susi, Nuria e Óscar) falan das súas experiencias ou a instalación dun posadoiro ou photocall no aulario de Veterinaria (proximamente visibles no Instagram e no Facebook), no que arredor de cen persoas se retrataron con alguha das quince frases da campaña, que revisan os tópicos sobre Lugo (“Lugo é pequeno, pero moi riquiño”), expresan o interese por aprender o galego (“Axúdame a aprender galego: fálamo”) ou por que non lle cambien de lingua (“Se non che entendo algo, xa che preguntarei”), ou reafirman os galegofalantes e o seu dereito lingüístico (“O galego é para falar coas vacas, para todo o demais, tamén”, “Veterinaria-USC: a única do mundo en que podemos usar o galego”).

A campaña continuará ao longo do curso con novas actuacións que han reforzar o sentimento de integración do estudantado de fóra e as actitudes e usos lingüísticos do alumnado galego, ambos obxectivos sempre nun marco de respecto e fomento da diversidade.

Veterinaria_cartaz_Veterinaria_3

 

 

 

Venres, 22 de novembro de 2019