Bioloxía ten razóns para usar o galego

A Comisión de Normalización Lingüística do centro desenvolve unha campaña de dinamización para que o novo alumnado siga usando o galego ao chegar á Facultade, “O galego ten razóns. E ti, que razón tes?”,  cunha boa participación do estudantado.

O 98% do alumnado do Grao de Bioloxía é galego, e unha boa parte, galegofalante. Mais o escaso uso do noso idioma na docencia (un 8,2% das horas de clase no pasado curso 2018-2019), entre outros posibles factores, provoca non poucas veces un descenso no uso do galego entre os estudantes. Conscientes desta realidade, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade propúxose desenvolver unha campaña para animar o alumnado a que siga usando o galego ao chegar ao centro ou mesmo de que o use máis do que facía, “O galego ten razóns. E ti, que razón tes?”.

Para iso desenvolveu no mes de outubro varias actividades, cartelaría e a difusión de dous vídeos (un dos cales xa supera as 1.000 visualizacións), en que estudantes, doutorandos e profesores e profesoras contan as súas razóns para falaren en galego. Trátase de desmontar prexuízos e ofrecer modelos de referencia alternativos nos usos lingüísticos.

A campaña rematou os días 29 e 30 de outubro buscando a reflexión e participación de toda a comunidade da Facultade, a través dun photocall instalado na entrada do edificio. Máis de 140 persoas retratáronse coas razóns que escolleron para falar en galego ou para animar ás demais a que o falen. Precisamente a esta fase responde a segunda parte do lema da campaña, “E ti, que razón tes?” Posteriormente as imaxes trasladaranse ás redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) para compartir e difundir.

O equipo decanal e a propia Comisión de Normalización Lingüística foron dos primeiros en participar neste photocall. O decano, Antonio Segura, trasladou o seu desexo de que “Oxalá con esta campaña quede claro que o galego é un idioma querido por nós, aínda que non sexa o máis falado, e que o alumnado non o perda, senón que mesmo o fale máis, ao chegar aquí, onda nós. Se con esta campaña, ademais, alguén se motiva para comezar a dar clases en galego, poderiamos sentir moita satisfacción como centro. Como di un dos profesores que intervén no vídeo, dalgún xeito contribuiriamos a manter a diversidade, que, se todos sabemos que é importante no eido natural, tamén o é no cultural e lingüístico.”

Pola súa banda, a vicedecana e presidenta da Comisión de Normalización Lingüística tivo palabras de agradecemento para os alumnos, doutorandos e profesores (Lúa, Pablo, Alba, Paula, Santi, Dani, Fran, Manuel Noia, Suso Lamas, Carlos Osorio), pola súa desinteresada colaboración para dar vida a esta campaña.

A campaña contou co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística, en cuxo web se pode atopar máis información sobre ela.

cartaces_mosaico





 

Venres, 22 de novembro de 2019