Os XV Premios á calidade lingüística xa teñen quen os gañou

Os Premios á calidade lingüística dos traballos académicos, TFG e TFM en galego xa son un “clásico” no que participan cada vez máis alumnas e alumnos, que se resolve todos os anos nos meses de setembro e outubro, entre grande expectación. Tardamos -era moi difícil escoller, nalgúns casos-, pero resolvéronse!

Fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego é o obxectivo ds Premios á calidade lingüística da USC. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., e facelo na nosa lingua.

Á convocatoria presentáronse 8 traballos académicos, 72 TFG (8 en Artes e Humanidades, 16 en Ciencias, 22 en Ciencias da Saúde, 21 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 7 en Enxeñaría) e 64 TFM (9 en Artes e Humanidades, 8 en Ciencias, 10 en Ciencias da Saúde, 26 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 9 en Enxeñaría). Cómpre sinalar o importante aumento de traballos presentados nestas dúas modalidades, xa que á convocatoria do pasado ano concorreron 68 TFG e 35 TFM.

E podemos dicir que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias, á vista destes traballos presentados, que lle ocasionaron non poucas dificultades ao xurado para poder elixir os mellores e motivou que en varias categorías os premios se concedan ex-aequo.

O xurado reuniuse o 26 de setembro para ditaminar os gañadores na modalidade do traballos académicos e o 31 de outubro a modalidade dos TFG e TFM, en cada unha das cinco grandes áreas. Ambas as actas poden consultarse na web do Servizo de Normalización Lingüística.

Os cinco premios para os traballos académicos están dotados con 150 euros e diploma acreditativo; os dos TFG-PFC, con 300 euros e diploma; e os cinco premios para os TFM, con 500 euros e diploma.

Os galardóns seranlles entregados oficialmente ás alumnas e alumnos premiados nun acto institucional a principios do vindeiro ano.

PremiosCalidade2018-19_16_9

Venres, 22 de novembro de 2019