Divulgar, debater e camiñar en Lugo

As comisións de normalización lingüística de Lugo colaboran en varios proxectos baixo o paraugas de Proxéctate en Galego. Entre eles, dúas actividades que promoven o uso do galego na comunicación da investigación e na reflexión comunitaria sobre temas de actualidade, así como o coñecemento de espazos naturais. Son o "DivulgaTerra", os "Encontros de Lúa Chea" e as "Camiñadas".

Trátase de animar o uso da nosa lingua en actividades extra-académicas, culturais e lúdicas nun campus con elevada presenza de alumnado foráneo, para introducilos no galego de xeito natural e atractivo.

DivulgaTerra 2018. Petiscos de divulgación científica

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo e Campus Terra organizaron a cuarta edición de DivulgaTerra, as xornadas de divulgación científica que buscan visibilizar o traballo dos investigadores e investigadoras novas dese Campus, e reforzar o papel do galego como lingua da comunicación na divulgación científica.

O DivulgaTerra deste ano desenvolveuse no Auditorio da Casa do Saber (Vicerreitoría do Campus de Lugo) en tres tardes de xoves sucesivos do mes de novembro. Interviñeron 24 investigadores nas tres sesións organizadas arredor das grandes áreas do Campus: Ciencias da Saúde (xoves 7), Ciencia e Tecnoloxía da Arte (xoves 14) e Humanidades e Ciencias Sociais (xoves 21). Estas achegas tiveron lugar tanto en formato relatorio (vinte delas) coma en pósters (as catro restantes).

Combináronse as presentacións breves (10 minutos) sobre investigacións en marcha con charlas divulgativas máis longas (+/- 30 minutos), dedicadas a temas de actualidade relacionados co ámbito temático que centra cada unha das xornadas, e coa exposición de pósters nun espazo anexo.

Súmanse así ás máis de 50 charlas e pósters das tres edicións anteriores, o cal permite achegar na nosa lingua o traballo que se fai no Campus Terra a todas as persoas interesadas na ciencia, a tecnoloxía, as humanidades e as ciencias sociais.

O acceso como público ás xornadas é libre e de balde, mais se non puideches asistir, poderás consultar un libro de resumos editado coa colaboración da Escola de Doutoramento Internacional Campus Terra. Tamén poderás escoitar os vídeos das intervencións orais a través das redes sociais do Campus Terra.

Encontros de Lúa Chea

Os Encontros de Lúa Chea serven para debater informalmente, pero con rigor e en galego, sobre temas de interese xeral ou de actualidade universitaria, xa tiveron dúas citas no que vai de curso na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde poden ademais tomar uns petiscos. Os incendios forestais e a caza foron os temas tratados, temas polémicos, de moito interese para a sociedade galega, e así se reflectiu na elevada asistencia e animada participación dos dous encontros.

A primeira das citas, o 25 de setembro, abriuse coa situación do tema, “Os incendios: por que arde o monte e que facemos?”, por parte do experto Edelmiro López Iglesias, profesor do Dpto. de Economía Aplicada da USC que traballa no ámbito das políticas agroforestais e o desenvolvemento rural, e que formou parte da comisión internacional de expertos que investigou os incendios que arrasaron zonas de Portugal en 2017.

Tanto a súa exposición como as intervencións posteriores do público tentaron responder a preguntas como: Por que os lumes se concentran tanto nuns poucos concellos? É certo que afectan cada vez máis a zonas habitadas? Se os eucaliptos son culpables, por que non arden comarcas que son monocultivos desta especie? Beneficia a alguén que arda un monte?... E a máis importante de todas: Podemos facer algo como sociedade para que o monte deixe de arder?

A segunda axuntou o mércores 30 de outubro na cafetaría da EPSE a un numeroso público que asistiu á exposición de dúas posturas diferentes a respecto da caza en Galicia, representadas polo zoólogo Augusto de Castro Lorenzo e o representante legal do Tecor Os Castros e vogal de Unión de Tecores Cazadores de Galicia (Unitega), Christian López Carmona.

Tratábase de reflexionar sobre as distintas perspectivas desde as que se pode ollar a propia actividade cinexética: por unha banda, que a caza é unha actividade que reporta un importante beneficio para as áreas rurais, ademais de tratarse dunha forma de lecer para moitas persoas; e por outra, resulta unha práctica molesta e perigosa que impide o goce dos espazos naturais.

Camiñada de outono: Saída xeolóxica na procura dos océanos desaparecidos nas montañas

A terceira das actividades ten que ver coa ligazón entre o cultural, o lúdico-deportivo, o coñecemento do medio e o uso do galego. Proxéctate en galego e todas as persoas que quixeron asistir marcharon de excursión a Portomarín o sábado 19 de outubro para buscar rochas, pregamentos e... océanos que xa non se ven pero poden intuírse.

En efecto, en Portomarín concéntranse vestixios de toda a historia xeolóxica da provincia. Alí pódense ver calcarias, pedras de gra, lousas, cuarcitas..., rochas que non adoitan aflorar xuntas noutros puntos da xeografía galega. Pero tamén o fondo de antigos mares e océanos de hai 400 millóns de anos, convertidos hoxe en montañas completamente pregadas, e todo modelado polos ríos Miño e Ferreira.

A excursión foi guiada por un xeólogo de Olho de sapo, un equipo multidisciplinar  especializado en divulgación en xeociencias, que axudou a ver e a entender o que se viu.

 

Venres, 22 de novembro de 2019