Arrincan os Encontros de Lúa Chea de 2019

O segundo cuadrimestre vaise poñendo en marcha e as comisións de normalización lingüística comezan a programar as súas actividades nos distintos centros.

Unha das máis veteranas no campus de Lugo son os Encontros de Lúa Chea: uns charlas informais (tanto que se celebran na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría) para debater e argumentar arredor de contidos académicos de interese xeral ou de actualidade no contorno universitario.

Os deste mes arrincan arredor dunha afirmación provocadora: "podemos vivir mellor con menos", a trabe sobre a que fundamenta as súas propostas a teoría do decrecemento. Porque do que se vai falar este mes é de Por que o decrescimento? e vaise facer da man de Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid, e posiblemente a figura máis visible deste movemento no Estado español.

O dilema é evidente: se vivimos nun planeta con recursos naturais limitados e unha poboación crecente, e se moralmente todas as persoas teñen dereito a unha calidade de vida semellante, que vai pasar cos recursos naturais e co medio ambiente cando todas esas persoas pretendan acceder aos estándares de vida e consumo que hoxe consideramos habituais no mundo occidental?

A teoría do decrecemento propón unha solución para ese dilema: as e os habitantes dos países ricos debemos reducir a nosa actividade económica, tanto produtiva como de consumo, para permitir que outras sociedades sigan mellorando o seu nivel de benestar. Pero isto non ten por que significar vivir peor (lembrade que "podemos vivir mellor con menos"), senón unha oportunidade de recuperar hábitos de vida e valores máis sinxelos, baseados no social e na proximidade, que foron os que historicamente estearon a felicidade do ser humano.

Pero a solución non é doada, claro: como convencer á poboación para que renuncie a bens materiais dos que hoxe dispón? Incluso hai teorías que negan a existencia do propio dilema e argumentan que a tecnoloxía pode resolver o problema da escaseza de recursos.

Como vedes, o tema é polémico e interesante. Así que se andades por Lugo, achegádevos á cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, este 27 de febreiro ás 19 h, para escoitar, opinar e debater.
Todas as voces son benvidas!

 

 

 

Luns, 18 de febreiro de 2019