En que linguas ensina a USC?

A USC transmite en castelán tres de cada catro horas de clase e en galego, algo máis dunha hora de cada cinco. E outras linguas, incluído o inglés, apenas teñen unha presenza significativa nas 482.464,07 horas docentes deste curso 2018-2019 na USC, con só o 2,74% delas.



As titulacións de mestrado (48.603 horas docentes) son as máis achegadas a un modelo bilingüe castelán-galego (61,54% e 36,30%, respectivamente), mentres que as titulacións de grao, as de maior peso docente (432.810 horas) reducen o uso do galego ata o 21,06%, ben lonxe do 75,01% do castelán.



Pesan todas as titulacións de grao por igual? Non, pois a carga horaria da área de CC. Saúde (especialmente o grao en Medicina) representa o 45% das horas de docencia dos graos; e é nestas titulacións, como a seguir veremos, nas que os usos lingüísticos son máis desequilibrados.

Os idiomas nos graos

O uso dos idiomas na docencia básica que se imparte na USC, a máis importante e que representa case o 90% da carga docente total, resúmese na seguinte gráfica:



Debullando os datos lingüísticos das diversas titulacións de grao neste curso que andamos, vese que soamente un carece por completo de docencia en galego: Lingua e Literatura Inglesa, que se imparte 100% en inglés.

Ademais dos graos impartidos en Lugo de Relacións Laborais e mais de Lingua e Literatura Españolas, outros seis graos non chegan nin ao 9%: Medicina, Enfermaría (de Lugo e Santiago),  Odontoloxía, Farmacia e Nutrición. A estes, todos de Ciencias da Saúde, hai que engadir o grao de Bioloxía.

A partir dese primeiro chanzo máis monolingüe (agás o grao de Lingua e Literatura Españolas), existen trinta graos  que se poden ordenar polo progresivo aumento do bilingüismo galego-castelán, sen que exista unha marcada tendencia por áreas. Finalmente , ata chegarmos aos trece graos que imparte en galego máis do 50% da súa docencia, todos de ciencias sociais e as humanidades: Paisaxe, Xeografía, Mestres/as de Primaria e Infantil de Santiago e Lugo, Filosofía, Pedagoxía, Educación Social, Comunicación Audiovisual, Xornalismo (92,38%) e Lingua e Literatura Galegas (99,87%).

Outra posible focaxe para a análise dos usos lingüísticos sería o seu impacto no alumnado. A existencia de varios grupos de docencia debidos ao alto número de persoas matriculadas poden provocar un maior desequilibrio. Que en Economía, por exemplo, os datos sexan 55% de uso do castelán e 45% de galego, non quere dicir que o alumnado dos seus tres grupos de docencia reciban todos estas ratio.

En 17 dos 53 graos utilízase tamén o inglés. Por detrás de Lingua e Cultura Inglesa (co 100%), sitúanse titulacións de todos os perfís: encabeza Lingua e lit. españolas (18,87%), e seguen en orde decrecente Enxeñaría Química, Criminoloxía, Química, CC. Da Cultura, Óptica, ADE,  Enxeñaría Informática,  Mestre Infantil Lugo, Mestre Primaria, Mestre Primaria Lugo, Mestre Infantil, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Dereito e Física (0,23%). Maioritariamente débese á existencia de materias de idiomas ou de materias que responden ao concepto “idioma técnico”.

Química e Física usan o inglés en grupos soltos de varias materias e diversas tipoloxías (clases expositivas, laboratorio, seminario, titorías...). Física só en materia obrigatoria, Química en básicas, obrigatorias e optativas. Enxeñaría Química (16,27%) é a única titulación de grao da USC que ofrece a posibilidade de cursar materias básicas e obrigatorias en inglés, ao desdobrar grupos neste idioma e en galego e/ou castelán, ademais de contar cunha materia obrigatoria de Inglés Técnico, e todo de xeito planificado pola propia titulación.

A utilización doutras linguas na docencia (francés, portugués, italiano, catalán) cínguese a titulacións de Filoloxía, de Mestre/a ou de Ciencias da Cultura.

Os idiomas nos mestrados

As titulacións de mestrado son as máis achegadas ao equilibrio castelán-galego (61,54% e 36,30%, respectivamente). Con todo, para interpretar o favorable dato para o galego nos mestrados cómpre ter en conta o importante peso en horas docentes dos de Formación do Profesorado de ESO, bacharelato, FP e linguas estranxeiras (8.234 horas sobre un total de 48.603 horas) no conxunto dos 72 cursos de mestrados analizados, cando o seu uso do galego alcanza o 57,97% e 69,25% (Lugo e Santiago, respectivamente).

Ao debullarmos os datos lingüísticos dos másteres da USC comprobamos que dez, de todas as áreas de coñecemento carecen de aulas en galego e calquera outro idioma que non sexa o español, sacado Estudos Ingleses, que se imparte ao 100% en inglés.

No outro extremo, os 46 másteres superan o 25% da docencia en galego (dezasete dos cales usan o galego en máis do 50%), á cabeza dos cales (descartando o pouco probable dato do mestrado en Acuicultura, co 100% en galego) se sitúa o Máster Universitario en Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias.

Sorprende que mestrados como Química Teórica, Saúde Pública ou Xerontoloxía dependentes das facultades de Química, Medicina e Farmacia, cun uso do galego tan escaso nos seus graos, cheguen ao 48,61% 49,37% e 33,99% respectivamente.

O inglés utilízase no 1,64% da docencia de máster, en só seis dos 73 máster que se imparten este curso, maioritariamente de Ciencias Sociais e Humanidades: Lexicografía (14,81%), Turismo Urbano (8,38%), Enxeñaría Ambiental (5,26%), Servizos Culturais (3,42%);  Formación do Profesorado de Santiago (0,73%) e Lugo (6,46%).

Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As licenciaturas e diplomaturas están practicamente extinguidas, logo do proceso de implantación dos graos, e soamente se dispensan 1.051 horas na docencia xa parcial da diplomatura en Criminoloxía. Daquela, os datos (galego: 7;14%; castelán (92,86%) xa non son representativos.


(Pódese consultar todos os datos no web do SNL)

Mércores, 30 de xaneiro de 2019