#TEDSaúde: Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego

Tes visto vídeos TED? Sabías que se poden subtitular a unha chea de linguas? Apetéceche contribuír á existencia de recursos divulgativos sobre ciencias da saúde en galego? Podes participar na cuarta edición do concurso #TEDSaúde que convoca a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC.

Os vídeos de TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design, unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás "Ideas dignas de difundir") son ben coñecidos. Abranguen intervencións sobre numerosos eidos como  ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer. Hai  máis de 1.000 charlas TED dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia, consciente da escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego, propuxo unha actuación para motivar, entre outros destinatarios, ao alumnado e ao profesorado dos centros desta grande área de coñecemento para contribuír a crealos mediante a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. Graza ás tres edicións anteriores, xa contamos con 72 vídeos desta área subtitulados ao noso idioma.

O concurso #TEDSaúde organízase con dúas modalidades, segundo os destinatarios.

Modalidade A: Membros da comunidade universitaria da USC non pertencentes á comunidade TED

Se non tes experiencia na subtitulación de vídeos TED ao galego, debes inscribirte a través da web do concurso ata o 25 de febreiro nun obradoiro de catro horas –gratuíto-, para aprender como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previrte sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. Será o xoves 7 de marzo de 16 a 20 h. Hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, con lista de agarda.

Despois dispós ata o 7 de abril para realizares a tradución e subtitulación dun vídeo TED relacionado coas ciencias da saúde segundo as instrucións que se che fornecerán.

Un xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 250€ e un diploma honorífico.

Todas as persoas que participen recibirán un diploma da USC de asistencia á actividade por catro horas así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.

No web do concurso, aniñada o do Servizo de Normalización Lingüística, dispós de toda a información, as bases e a inscrición no concurso-obradoiro.

Modalidade B: Membros da comunidade TED

Calquera persoa que sexa membro da comunidade TED poderá participar neste concurso, para o cal deberá inscribirse enviando un correo electrónico a <snl.concurso.subtitulacion@usc.es> ata o 25 de febreiro de 2019, cos seus datos (nome, dni, enderezo postal).

Dispoñerá ata o 7 de abril para realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se che fornecerán por correo electrónico.

Un xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 150€ e un diploma honorífico.

Que vídeo vas traducir ti?

Mércores, 30 de xaneiro de 2019