O meu elemento

Será o pesado chumbo ou o gasoso helio? O noso humilde e necesario osíxeno ou o tóxico polonio que envelenou a Marie Curie? O elegante e prezado ouro ou as cobizadas terras raras que iluminan as pantallas dos nosos dispositivos móbiles? Cal será o elemento que escollas para presentar nun vídeo ao concurso “O meu elemento”?

As Nacións Unidas declararon 2019 o Ano Internacional do Sistema Periódico, conmemorando os 150 anos da publicación por Dimitri Mendeleev da táboa periódica dos elementos químicos.

A CNL da Facultade de Ciencias de Lugo propón unha actividade para sumarse a esta celebración: un concurso de vídeos co título O meu elemento, dirixido tanto a toda a comunidade universitaria galega como ao alumnado da ESO e de 1º e 2 de bacharelato de Galicia.

O obxectivo do concurso é atraer o interese do alumnado sobre este acontecemento e a actividade científica en xeral, así como poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega, precisamente nunha materia, a química, que o Decreto 79/2010, tamén chamado decreto do plurilingüismo, obriga a impartir en castelán xunto con matemáticas, tecnoloxía e física.

A participación no concurso consiste na presentación dun vídeo en lingua galega sobre un elemento químico, de entre 30 e 90 segundos, e co enfoque que se queira. O prazo remata o vindeiro 24 de abril.

Os substanciosos premios repártense en dúas categorías: para o alumnado de ESO e bacharelato, un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 150 euros e un terceiro de 100 euros. Para a comunidade universitaria, os galardóns son: un primeiro premio de 500 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. Na valoración dos vídeos o xurado terá en conta a calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo e a corrección nos conceptos científicos.

Dálle un repaso á táboa periódica en galego e á Guía dos elementos químicos, escolle un elemento, planifica o que queres dicir e como, colle a cámara ou o móbil e.... sorte!

omeuelemento

Mércores, 30 de xaneiro de 2019