As linguas e a USC. Xornada de reflexión sobre a política lingüística da USC para a docencia

O pasado 26 de novembro celebrouse a xornada “As linguas e a USC”, que serviu para reflexionar sobre a política lingüística da nosa universidade cara á docencia, grazas ás intervencións de diversos representantes de toda a USC así como dos vicerreitores de Política Lingüística das universidades de Valencia e o País Vasco, que achegaron as súas experiencias.

A xornada desenvolveuse na Sala de Debates do antigo Centro de Estudos Avanzados, así como por videoconferencia no Campus de Lugo. Na xornada alternáronse intervencións preparadas de vicerreitores/as e decanas/os, de técnicos/as (SNL, Calidade, CLM, ORE), así como outras máis espontáneas de profesorado e alumnado asistente. Entre todas debuxaron o panorama da realidade lingüística na docencia, onde semella difícil que se produza un cambio lingüístico de cara a unha maior diversidade sen aplicar políticas serias.

A primeira conclusión que se puido deducir foi a satisfacción pola organización deste evento, dada a necesidade de reflexionar, analizar e avaliar de xeito conxunto aspectos que forman parte da política lingüística da institución, mais que se adoitan tratar separadamente (modelo de universidade, normalización, internacionalización, empregabilidade, competencias, política de persoal...).

A segunda podería ser a constatación do escaso avance do uso do galego na docencia nos últimos anos, especialmente nos graos e de xeito preocupante nas áreas de ciencias da saúde e ciencias, todo o cal ten repercusións: perda do galego no alumnado galegofalante ao longo dos graos, peores competencias lingüísticas (instrumentais e actitudinais) para o futuro profesional do alumnado...

Acusouse especialmente a falta de incentivos ao uso do galego para o PDI, especialmente o máis novo, fronte á presión do inglés e do castelán para a súa carreira profesional.

Ademais, informouse dos problemas existentes naqueles centros que teñen moito PDI de fóra de Galicia (Veterinaria) ou reciben unha gran cantidade de alumnado do resto de España (Veterinaria, Farmacia) ou Portugal (Medicina), que tenden a amosar peores actitudes lingüísticas cara ao galego.

Tamén se analizou a escasa implantación do inglés –e doutras linguas- como lingua vehicular na docencia e a falta da debida diagnose e planificación en moitos casos. Amosouse interese por experiencias positivas como a da ETSE, realizada de xeito planificado e organizado, de introdución paulatina do ensino en inglés cunha materia anual ou semestral.

Fíxose fincapé na necesidade de visión estratéxica na política de internacionalización da USC, incluíndo aspectos lingüísticos e culturais, para atraer alumnado internacional e na necesidade de prever e solucionar os problemas lingüísticos que se están producindo en relación coas actitudes lingüísticas de PDI e alumnado, de diminución práctica da docencia en galego pola presenza de alumnado estranxeiro, etc.

Espertaron grande interese as intervencións de Isabel Vázquez Navarro, vicerreitora de Estudos e Política Lingüística da Universidade de Valencia
e de Jon Zarate Sesma, vicerreitor de Eusquera e Formación Continua da Universidade do País Vasco, que relataron as experiencias de política e planificación lingüística das súas universidades.

O Plan de incremento do valenciano na docencia da Universidade de Valencia, partindo de datos similares aos da USC, fixou en 2012 o obxectivo do 35% de docencia en valenciano nos graos para conseguir en 5 anos e de lograr unha distribución equitativa en 10 anos. Na actualidade o uso do valenciano é do 36,6% (aumentou 10 puntos) e oscila entre 29 e 50%.

Finalmente, as intervencións das persoas relatoras e das asistentes coincidiron, maioritariamente, na necesidade de que a USC impulse un novo plan de política lingüística para a docencia, que fomente o plurilingüismo con base no galego, que pule polo uso do noso idioma especialmente naquelas áreas de coñecemento onde resulta máis deficitario, así como o coñecemento progresivo doutras linguas internacionais para responder aos requirimentos de empregabilidade das nosas tituladas e titulados.

Así mesmo, expúxose repetidamente a necesidade de que o novo plan de política lingüística responda a unha estratexia global da USC e que se insira, principalmente, na política de renovación do persoal docente: requisito de competencias lingüísticas, perfís de prazas en áreas deficitarias neste senso, valoración de méritos –teses, publicacións, divulgación...- no acceso a contratos, etc.

Resumo-conclusións e máis información

Mércores, 30 de xaneiro de 2019