Termos esenciais de dereito penal

No pasado mes de marzo saía a lume Termos esenciais de dereito constitucional, e o pasado 25 de outubro a Facultade de Dereito daba acubillo á presentación de Termos esenciais de dereito penal. Tanto os seus autores, o profesor Miguel Abel Souto (membro da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito) e o terminólogo do Servizo de Normalización Lingüística, Xusto Rodríguez Río, como o decano do centro, Luís Míguez Macho, insistiron en vencellar este esforzo conxunto de compilación e de produción terminolóxica a «Témoslle lei», o plan de normalización lingüística da Facultade de Dereito.

«Témoslle lei» quere transmitir, alén da fidelidade e o afecto á lingua propia, que o galego posúe un marco legal que busca protexelo e potencialo en todos os ámbitos; tamén no universitario, pois a Facultade de Dereito é un esteo fundamental na formación do persoal profesional dos mundos da Administración e a Xustiza. Neste senso, autores e decano fixeron un chamamento ao profesorado da Facultade para colaborar tanto no desenvolvemento do plan de normalización lingüística do centro, como, máis especificamente, na compilación de termos xurídicos para a elaboración dos seguintes vocabularios en galego, e anunciaron as dúas próximas publicacións,  sobre dereito internacional e dereito civil.

Para conseguir unha comunicación científica de calidade, tanto da perspectiva técnica coma do punto de vista lingüístico, é preciso dotar as diversas áreas do coñecemento de instrumentos terminolóxicos. Os destinatarios principais desta serie de traballos terminográficos sobre o dereito, abrangue tanto o persoal docente e investigador que na súa xuventude non contou con estudos de galego, coma o alumnado, que pode contar con material de apoio para utilizar a nosa lingua nas actividades académicas con seguridade e corrección. Dada a ampla repercursión que a fixación e difusión terminolóxica exerce a medio e longo prazo no mundo do dereito, a publicación contou con financiamento da Escola Galega de Administración Pública.

Termos esenciais de dereito penal pódese consultar de tres xeitos: no formato libro que acaba de editar a USC, en formato pdf no web do SNL e mais facendo procuras no bUSCatermos, o banco de datos terminolóxicos multilingüe do SNL.

Na presentación de Termos esenciais de dereito penal salientouse que este traballo lexicográfico é o máis amplo existente en galego sobre a materia; ademais de incluír preto de 1000 termos, incorpora as novas figuras delituosas e demais modificacións introducidas na reforma do Código Penal do 22 de xuño de 2010, que mudaron ata un terzo deste texto.

PAULA ALEXANDRE TEIXEIRO

Venres, 04 de novembro de 2011