Os medios en galego, importan?

Nos últimos tempos levan pechado -ou anunciado peches- cabeceiras no mundo da comunicación na nosa lingua, tanto de difusión en papel como a través de Internet: Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira, Xornal de Galicia, GZNación, Galicia Hoxe... Son moitos os interrogantes que nos asaltan: Trátase dun fenómeno illado, debido ás características xerais do mercado galego, ou ten as súas raíces afincadas na crise que asolaga os medios de comunicación en xeral? A existencia e supervivencia de medios na nosa lingua, de que depende? Existe un público obxectivo que poida apoialos? Que papel cumpre a publicidade? Son políticas públicas o que máis cómpre para garantírmonos medios propios e en galego? Ten futuro na actualidade un proxecto xornalístico en papel ou hai que botarse á Rede, para facer periodismo hoxe?

Arredor deste tema actual e polémico, que tanto está a afectar aos medios de comunicación, aos seus profesionais e tamén á sociedade galega, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación organiza as Xornadas «Os medios en galego, importan?» os vindeiros 8, 9 e 10 de novembro, co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e respondendo a unha proposta inicial da Liga Estudantil Galega.

Responsables políticos, investigadoras e investigadores, e profesionais dos medios de comunicación debullarán e reflexionarán sobre as circunstancias da prensa en Galicia e resaltarán a importancia de contarmos con medios de comunicación propios e na nos lingua para a vitalidade da identidade e da cultura galegas. Neste senso, tamén cómpre salientar a presentación dun informe do Colexio de Xornalistas de Galicia no decurso das Xornadas e dos novos proxectos xornalísticos que están en marcha en Galicia, en diversas fases: Tempos Dixital, Sermos Galiza e Praza Pública.

Ademais, a actividade conta cun bloque temático sobre o audiovisual, onde directoras/es, guionistas, produtoras/es e investigadoras/es analiza os modelos de éxito na televisión en galego e as posibilidades da radio e do cinema neste lingua
 
As xornadas teñen solicitado un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC, dado o amplo interese social que representa a temática. De feito, as preinscricións superan amplamente as prazas ofertadas, polo que a organización non descarta amplialas.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 02 de novembro de 2011